Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS OUTROS PROTAGONISTAS DO 'CASO GÚRTEL'

O xuíz que quería ser futbolista e o avogado que renunciou á súa carreira de escritor

Dous destacados profesionais galegos desenvolven un papel decisivo no maior proceso legal en curso contra a corrupción política: o maxistrado instrutor, Antonio Pedreira Andrade, e o letrado defensor de Pablo Crespo, Gonzalo Rodríguez Mourullo.

Ramón Vilar - 09:10 17/11/2009
Gonzalo Mourullo, nunha foto de arquivo

Gonzalo Mourullo, nunha foto de arquivo

O peor pesadelo do PP español ten nome de correa ou cinto en alemán (gürtel). Durante os últimos meses, a difusión de conversas privadas, os indicios de enriquecemento a costa do erario público e a implicación de cargos políticos no caso poñen contra as cordas o proxecto que lidera Mariano Rajoy. Mais o que menos xente sabe é que na causa xudicial hai dous protagonistas fondamente ligados ao noso país: o xuíz instrutor Antonio Pedreira Andrade e o avogado defensor Pablo Crespo, un dos cerebros da trama: Gonzalo Rodríguez Mourullo.

A Antonio Pedreira tócalle preparar o sumario máis importante da súa carreira xudicial cando esta esta se achega ao seu ocaso. Maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, naceu na Coruña en 1945. As paradoxas da vida quixeron que este home, nacido no seo dunha familia moi conservadora e con influencia, sexa agora unha auténtica dor de cabeza para Génova, dende onde ven como non lle treme o pulso á hora de imputar cargos políticos.

Non puido ser o que arelaban tantos da súa xeración: futbolista. Na década dos 50 o Deportivo da Coruña vivía o que se coñecería como a década de ouro. Na mente dos nenos daquel tempo estaba aquel clube que tiña unha dianteira mítica: Corcuera, Oswaldo, Franco, Moll e Tino, máis coñecidos os cinco en Riazor polo nome da "orquestra Canaro". O maxistrado que instrúe o 'caso Gürtel' deixou a un lado as carreiras detrás do balón para centrarse nos estudos de Dereito.

O seu pai, Antonio Pedreira Ríos, nacera en Cerceda, onde vive parte da familia, que posúe aínda un dos mellores exemplos de arquitectura civil deste municipio: O pazo de Lavandeiras. O proxenitor do maxistrado chegou ser un destacado avogado, moi próximo ao alcalde franquista Alfonso Molina. Na cidade da Coruña aínda se conserva unha rúa na súa memoria. Xa ben avanzada a etapa democrática, un seu irmán, o empresario Francisco Pedreira Ríos (tío do xuíz), foi un dos referentes do conservadores locais á hora de pelexar pola alcaldía.

Mais nesta extensa e influinte familia, onde abundan prestixiosos médicos e avogados, non falta parentela con outras orientacións políticas. Un exemplo é o da súa curmá Rosa Liaño Pedreira, casada co ex presidente Fernando González Laxe e delegada da Consellaría de Pesca na Coruña durante o mandato do bipartito. Entre as amizades de infancia e xuventude que aínda conserva tamén se conta o ex alcalde da Coruña, Paco Vázquez, ou o ex delegado do goberno español en Galiza, Manuel Ameijeiras.

Unha brillante promesa da narrativa galega que rompeu amarras

O avogado de Pablo Crespo, Gonzalo Rodríguez Mourullo, ten un espazo propio dentro da nosa literatura da segunda metade do século XX. E iso que só publicou dúas obras, con 19 e 21 anos respectivamente. A primeira delas, Nasce unha árbore (1954), inaugura a chamada Nova Narrativa Galega, un movemento case revolucionario para as nosas letras no que se encadran primeiras figuras como Méndez Ferrín, Camilo Gonsar, María Xosé Queizán, Carlos Casares ou Xohana Torres. Dous anos despois ve a luz Memoria de Tains (1956), onde ecoan claras influencias do existencialismo francés que tanto marcaría a aquela xeración de escritores.

Moitos pensaron daquela que os dous traballos eran carta de presentación abondo para un autor chamado a se converter nunha voz sobranceira da nosa literatura. Mais Rodríguez Mourullo axiña rompeu de vez co sistema literario do país, deixou a narrativa e introduciuse de cheo no mundo da avogacía.

Nado hai 74 anos na parroquia de Calo (Teo), axiña destacou como un extraordinario especialista en Dereito Penal. Con trinta e poucos anos gañou a cátedra desta especialidade na Universidade de Oviedo. Logo dun periplo académico que o levou á Universidade de Santiago e na Autónoma de Madrid dedicouse á avogacía privada con moito éxito. Nos ambientes xudiciais é coñecido por ter defendido con éxito ao banqueiro Emilio Botín, asesorar á multimillonaria familia dos Koplowitz ou por ser un dos artífices do Código Penal de 1995.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Antonio Pedreira, instrutor do caso Gürtel
Antonio Pedreira, instrutor do caso Gürtel
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid instrúe o caso
O Tribunal Superior de Xustiza de Madrid instrúe o caso
O caso Gürtel é unha dos prinicipais problemas que debe afrontar Rajoy como presidente do PP
O caso Gürtel é unha dos prinicipais problemas que debe afrontar Rajoy como presidente do PP