Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A CULTURA QUE QUEREMOS

Arrinca AchegArte: moito por ver, ler e escoitar

A Coruña convértese esta fin de semana na capital cultural de Galiza ofrecendo máis dun cento de actividades relacionadas coa música, o cine ou o teatro.

Redacción - 10:30 28/11/2009

Literatura, danza, teatro, artes plásticas, audiovisual... AchegArte xa converteu esta fin de semana á Coruña no epicentro da cultura galega. O Kiosco Alfonso e, sobre todo, o Palexco, acollen esta iniciativa que ofrece un escaparate a xeito de espazo de encontro da oferta cultural galega, mais tamén un lugar para o intercambio de experiencias e para a reflexión, non só sobre a cultura que facemos, senón sobre a cultura que queremos facer.

Será unha fin de semana con case un cento de actividades ás que o público poderá asistir de balde e na que participan representantes de todas as industrias culturais de Galiza. É, en suma, o resultado dun teimudo compromiso coa cultura que asumiron máis de 90 colectivos do sector (co liderado da Concellería de Cultura e co apoio da Deputación) ante a decisión da Xunta de non volver financiar o CulturGal.

Velaquí algúns dos actos máis destacados para a xornada do sábado:

Música: Dende as 12 horas do mediodía e até as nove da noite, sucédense as actuacións musicais, que se reparten nos dous escenarios. Cunha duración aproximada de media hora cada un, poderemos gozar coas interpretacións de Mamá Cabra; Quinto Mourelle; Tonecho Castelos, Pablo Esqueira e Blanca López; Tiruleque, Con Canto Donaire; Cántigas da Terra; Alejandro Vargas New Trío; Mosca Gogo; A Coruña Son 09; e Luar na Lubre.

Teatro: As actuacións teatrais, que se inician tamén a media mañá, ofrécennos as últimas montaxes das compañías: Talía Teatro; A Loca-Motora; Ramiro Neira e Jordi López; Nelson Quinteiro ou Espello Cóncavo, entre outros.

Danza: Dúas mostras de danza, ás seis e ás oito da tarde respectivamente, achegarannos o que se está a facer neste eido cultural en Galiza, da man de artistas como Amparo Novas; A Compañía Elefante Elefante; Rut Balbís ou Laura Llauder, entre outros.

Audiovisuais: Tamén no eido máis visual, poderemos acceder ao visionado de montaxes como "O Segredo da Frouxeira" (Xosé Abad); "A Mirada de Anna" (Imaxes sobre a transición en Galiza) de Lorenzo Soler; ou a Presentación do proxecto "Memorias Rotas" de Manane Rodríguez Rodríguez, entre outras.

Obradoiros: Outra das apostas máis ambiciosas desta feira será a realización de obradoiros, nos que se poderá participar previa inscrición minutos antes do comezo das actividades. Así poderemos participar en talleres de maxia, banda deseñada, graffiti ou música tradicional.

Literatura: Para completar a xornada queda botarlle un ollo á oferta literaria: neste día presentaranse obras como o libro "Agustín Lorenzo Loroño. O gaiteiro de Catoira" de Edicións do Cumio; o disco-libro "Once máis 15", da mesma editora; ou a última publicación de Manuel Rivas, "Episodios Galegos", unha recompilación de artigos de prensa dos últimos anos.


Ligazóns

5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Talía Teatro presenta en AchegArte a súa obra "Mundos Contados"
Talía Teatro presenta en AchegArte a súa obra "Mundos Contados"
Luar na Lubre ofrecerá un concerto ás nove da noite
Luar na Lubre ofrecerá un concerto ás nove da noite
Manuel Rivas presenta a súa última publicación: "Episodios Galegos"
Manuel Rivas presenta a súa última publicación: "Episodios Galegos"