Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rexeitamento ao Plan de Acuicultura da Xunta

Galiza Non se Vende mantén a protesta contra "a destrución e saqueo" acuícola

"A súa ilegalidade é manifesta", subliñan desde esta plataforma cidadá, insistindo en que a prioridade é un Plan Integral de Defensa do Litoral.

Redacción - 12:45 30/11/2009

A rede Galiza Non se Vende recorda a súa reclamación ao respecto dun Plan Integral de Defensa e Protección do Litoral Galego, unha esixencia cara á que seguirán levando a cabo "todo tipo de accións pacíficas" de mobilización e concienciación cidadá. Insisten en que ese plan debera ser a prioridade das administracións e non o que cualifican de "plan de privatización, destrución e saqueo propio dunha sociedade que vende e destrúe un dos seus máximos tesouros". Un plan que, subliñan, debera ir unido á rexeneración ambiental e integral das rías.

O recordatorio chega ao fío da reafirmación do "profundo rexeitamento" ao Plan Acuícola Galego, iniciativa da que acusan de impoñer á Xunta co consentimento do propio Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño. "A importancia da piscicultura proxectada é unha falacia, o cultivo de peixe mariño criado é ridículo comparado co cultivo de peixe de auga doce e de molusco", expoñen desde a rede Galiza Non Se Vende nun comunicado, censurando que este plan non respecta a costa virxe, praias, zonas húmidas, cantís, "nin os espazos naturais protexidos ou bens culturais; nin as nosas mellores paisaxes, nin a franxa costeira dos 500m cando existe tecnoloxía dabondo para instalarse fóra dela".

Incumprimento de normativas
Entre outros, analizan que se trata dun proxecto que formula substituír pesca e marisqueo tradicionais por produción industrial en terra botando man de augas de gran pureza, "devolvéndoas contaminadas con antibióticos, exceso de materia orgánica e produtos químicos". Engaden que "pode alterar a xenética das poboacións naturais", que precisa de 3 kg de peixe bravo para producir 1 kg de peixe criado e que "crea menos emprego (195 no total do plan) do que destrúe".

Ademais, avisan de que privatizaría dominio público e servidumes de protección, suprimindo a concesión administrativa como réxime de ocupación do solo, "mantendo para certos casos necesarios a expropiación, o que é claramente ilegal e inconstitucional". Ao fío, aplauden a recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que declarou ilegal a piscifactoría de Rinlo por estar proxectada en Rede Natura. "Agardamos que sirva de advertencia para a multitude de proxectos eólicos, hidroeléctricos, de portos, etc, proxectados actualmente ocupando espazos nos que a protección non pode ser só nominal", sinalan.


Ligazóns

5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: