Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Mi mesa cojea

Un blog vasco rexeita un premio para denunciar o estrago de fondos públicos

O autor da bitácora explica que as administracións públicas deben investir nas TIC en lugar de financiar galardóns como os Buber Sariak.

Redacción - 11:30 04/12/2009

O blog Mi mesa cojea recibiu este semana o premio ao mellor blog vasco. Pero o seu responsábel non o foi recoller, nin enviou ninguén que o representase. Os galardóns Buber Sariak, organizados pola asociación Internet & Euskadi e patrocinados por diversas administracións públicas, entregáronse no Palacio Kursaal de Donostia.

O autor da bitácora amosou o seu rexeitamento a que se gaste diñeiro público nunha gala deste tipo, e quixo deixar claro que non asistiría malia a "obsesión persecutoria dos organizadores". Ao seu entender, estes galardóns son "unha ferramenta de propaganda demasiado descarada para o meu nivel de tolerancia", unha "ferramenta para que os nosos políticos e os responsábeis dos seus 'chiringuitos' poidan aparecer en titulares rexionais xunto á brillante palabra internet".

Como mostra do escaso rigor dos premios, apuntou que Mi mesa cojea competía coa web dun cantante de OT e cun foro de corredores, pero que iso non é o peor, xa que, ao seu entender, "eses premios e os seus presentadores e o seu grupo musical e a montaxe técnica e a organización e as comisións e os canapés pagámolos entre todos os vascos, incluídos os 127.754 que están no paro", polo que se amosou en contra de posar a carón de políticos que gastan "o noso diñeiro en estupideces en plena crise económica".

O responsábel de Mi mesa cojea remata aconsellándolles aos políticos vascos que, se de verdade queren apoiar a rede "esquecede as fotos e os canapés e traballade en reducir a fenda dixital, subvencionade cursos para maiores, apoiade as start-ups, evitade a fuga de talentos" e que se fomente "que todo o mundo teña libre acceso á información e á cultura".


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: