Así se queixaba o presidente da formación curda PSD, ilegalizada polo tribunal constitucional turco por presunta relación co grupo armado PKK.
A ilegalización do Partido da Sociedade Democrática (PSD) causou numerosas protestas desde que o pasado venres se coñecía a decisión do Tribunal Constitucional de Turquía. Especialmente nas zonas de maioría curda e nos propios barrios curdos de Istambul, a xente saíu ás rúas para expresar o malestar polo acontecido.
En conferencia de prensa, o presidente desta formación, Ahmet Türk, desafiaba a remexer nos discursos dos líderes do PSD e atopar "unha soa frase onde apoiemos accións violentas". "A quen quere a paz etiquétano como terrorista", arrebolaba Türk contra a administración e os estamentos xudiciais turcos. Malia que quedará inhabilitado para exercer oficialmente o liderado de calquera opción política durante un lustro, advertiu que non haberá baleiro político no traballo en favor dos dereitos da cidadanía curda. Na recámara, hai outras siglas, o Partido da Paz e da Democracia, que virían a cubrir ese oco. Desde a presidencia da Unión Europea xa expresaron a preocupación polo acontecido e instaron o goberno turco a modificar a Constitución para adaptar a lexislación sobre formacións políticas.