Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ANÁLISE (I)

Grupo lácteo galego: as claves dun fracaso

Produtores, industria e caixas de aforro foron os tres vimbios dun ambicioso cesto que se malogrou pola falta de compromisos económicos e polo cambio de goberno.

Isabel G. Couso - 10:40 17/12/2009

Até oito intentos houbo ao longo dos últimos 25 anos de crear un grupo lácteo galego, un grupo empresarial artellado que permitise engadir valor ao leite e que deixase en Galiza os beneficios da transformación e a distribución que actualmente van parar a mans foráneas. Porén, aínda a día de hoxe, nove de cada dez litros de leite que producen as nosas vacas van parar a industrias de capital francés, burgalés, suízo, asturiano ou granadino mentres que só un é procesado por empresas galegas.

Cos vimbios, mais sen o cesto
Con todos os datos aínda por desvelar, os dirixentes políticos do anterior executivo aseguran que ese grupo lácteo estivo moi preto de converterse nunha realidade. "Houbo un intento moi serio nesta dirección que deu como resultado un proxecto moi ambicioso e que estaba xa moi avanzado", explica Edelmiro López Iglesias, ex-director xeral de Desenvolvemento Rural.

As patas desta trepia empresarial estaban xa ben definidas: unha potente base cooperativa, unha importante implicación industrial e un terceiro alicerce financeiro. Se ben os documentos e as negociacións aínda non se fixeron públicos, Edelmiro López asegura que había acordos "ao máis alto nivel" para botar a andar o ambicioso proxecto, que permitiría falar do "grupo lácteo máis puxante do Estado" e que "racharía co status quo da industria española e mudaría a correlación de forzas do sector".

Estrutura empresarial e ventos cooperativos
O frustrado último intento da creación dun grupo lácteo reservaba un importante papel aos produtores, que tomarían o control da materia prima, o leite. Con todo, o seu protagonismo dependía dun necesario fortalecemento económico: "na nosa formulación era fundamental mudar un sistema no que as cooperativas contaban cunha capitalización moi débil e dar pasos adiante para favorecer esa vitalidade". Aquí entraba en xogo outro dos piares do proxecto que foi abaixo co cambio de goberno: o reparto eólico.

O vencello entre o negocio do vento e o do leite quedou claro en canto se abriu o concurso eólico. Catro cooperativas (Feiraco, Colaga, Icos e Os Irmandiños) presentaron un proxecto conxunto baixo o nome de Ventos Cooperativos para participar no reparto dos muíños de vento. Conseguiron 192 megawatios, o que converteu aos gandeiros (oito mil socios) no terceiro máximo adxudicatario. Mais o realmente destacábel foi que o reparto dos beneficios da enerxía eólica quedarían en Galiza e que ese rendemento iría parar a outro dos alicerces económicos do país contribuíndo ao xerme do tan ansiado grupo lácteo.

A Lei de Caixas e o financiamento, o último atranco
Mais a falta de conclusión do proxecto debeuse, fundamentalmente á terceira panca en discordia: a financeira. A crise económica e e as dificultades para obter financiamento foron finalmente as claves que abortaron a operación. A implicación das caixas de aforro galegas no proxecto era un segredo a voces, mais até o de agora non transcenderon os termos da negociación. Porén, as decisións políticas, frustradas polo cambio de Goberno, volverían ter un papel decisivo no positivo desenvolvemento do grupo lácteo.

Falamos da Lei de Caixas, unha proposta de reforma que os nacionalistas contemplaban en clave de país, de xeito que a súa actividade gravitase arredor da economía produtiva e que o aforro galego se destinase ao financiamento de iniciativas como a do devandito grupo lácteo. "Tiñamos todos os vimbios para facer o cesto", di López, quen explica que, ademais, o proxecto se malogrou polo empeoramento da situación económica.

Control público e futura viabilidade
Unha das críticas que recibía a iniciativa, máis alá de descoñecer cal sería o seu deseño, era a pouca confianza que xeraba un grupo netamente galego ante a considerábel vantaxe que terían grupos estatais cunha maior base produtiva e unha estrutura industrial máis forte. "A fórmula non sería exactamente esa" revela Edelmiro López, "a idea era controlar dende Galiza instalacións que non estaban aquí, é dicir, esta nova compañía non se limitaría ao mercado galego, senón que tería plantas no resto do Estado". "O camiño para facelo", explica, "sería o de mercar un gran grupo español que xa existe e que xa ten fábricas dentro e fóra de Galiza".

Outra cuestión é a intervención pública, descartada xa polo actual conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, en canto asumiu o cargo. Pola contra, outras voces, como a dos anteriores responsábeis da Consellaría mais tamén os sindicatos agrarios, entenden necesario "un empuxón por parte da Administración" para que o posíbel grupo lácteo tivera futuro. "Se deixamos a constitución dunha empresa deste tipo á espontaneidade simplemente non vai ocorrer", di López. Con todo, explica que "a nosa intención non foi nunca a de facer un grupo público", senón a de impulsar á iniciativa privada do país. Sexa como for e ante o improbábel desenvolvemento a curto prazo do proxecto, o desexo agora é que algún día agrome a semente espallada.


5/5 (32 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O proxecto contemplaba a capitalización das cooperativas a través do reparto eólico
O proxecto contemplaba a capitalización das cooperativas a través do reparto eólico
Feiraco lideraba o grupo de produtores que participarían no futuro grupo lácteo
Feiraco lideraba o grupo de produtores que participarían no futuro grupo lácteo
O desenvolvemento da Lei de Caixas e a crise económica comprometeron a participación das entidades de crédito galegas
O desenvolvemento da Lei de Caixas e a crise económica comprometeron a participación das entidades de crédito galegas
Os anteriores responsábeis de Medio Rural (na foto Suárez Canal e Edelmiro López xunto a Anxo Quintana) impulsaron a frustrada operación
Os anteriores responsábeis de Medio Rural (na foto Suárez Canal e Edelmiro López xunto a Anxo Quintana) impulsaron a frustrada operación