Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Liñas de actuación

Modernización prevé aprobar para xuño o Plan Estratéxico Tecnolóxico

Mar Pereira anuncia a fusión das redes de telecentros de dinamización e dos observatorios da Sociedade da Información.

Redacción - 09:30 13/01/2010
Imaxe do acto de presentación / Ana Varela

Imaxe do acto de presentación / Ana Varela

O Goberno presentoulles este martes ás principais asociacións do sector TIC do país as liñas do Plan de acción para o desenvolvemento da Sociedade da Información 2010 e as axudas, dotadas con 10 millóns de euros. O encontro pretendía, ademais, recoller as achegas das diferentes entidades representativas do sector de cara a elaborar o Plan Estratéxico Tecnolóxico Global, que a secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, anunciou para xuño.

Segundo a secretaria xeral, os eixes de actuacións do plan serán o despregamento das infraestruturas de telecomunicación, o desenvolvemento do e-Goberno, o fomento da inclusión dos colectivos máis afastados da sociedade dixital, a introdución das TIC nas pemes e micropemes e o impulso ao sector TIC. Algunhas desas liñas terán carácter plurianual.

Sobre as telecomunicacións, a Xunta pretende facerlle fronte á negativa posición de Galiza no acceso á banda larga nos fogares e ás diferenzas entre o rural e as cidades, polo que poñerá en marcha o Plan director de banda larga para garantir unha "cobertura de calidade" en todo o país. Así mesmo, impulsará medidas de apoio ao plan de acendido dixital para cumprir coas fases do Plan técnico da TDT. Segundo os datos presentados por Pereira, 745 mil persoas viven en núcleos sen banda larga e outros 248 en áreas con cobertura parcial.

Con respecto á e-Administración, salientou a iniciativa e-Goberno 2013, que pretende materializarse en coordinación coas deputacións e coa Fegamp. Fará fincapé en 2010 na administración de xustiza e na integración das TIC no ensino. Aspira, ademais, a crear a Nova Rede Galega de Centros de Servizos á Sociedade da Información, que integrará a rede de telecentros, a de dinamización e mais as actividades do Centro Multimedia de Galicia baixo unha estratexia común.

A Xunta anunciou, ademais, que potenciará a integración das TIC no sector empresarial, creando un Centro demostrador de software para pemes, e apoiará unha política de apoio ás empresas especializadas en TIC. Neste senso, Mar Pereira considerou a oportunidade de que Galiza acolla a Axencia Estatal de Radiocomunicacións, que está previsto que comece a funcionar este verán.

A secretaria xeral anunciou, ademais, a creación do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia, que nacerá da fusión do Observatorio da calidade e da e-Administración de Galicia e do Observatorio Galego da Sociedade da Información. Ademais, unha dotación de axudas de 10 millóns de euros neste exercicio, dividida en catro liñas, terá como obxectivo impulsar o desenvolvemento do sector no país.


1,5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: