Desde o colectivo ecoloxista Greenpeace advirten de que a empresa quere controlar este prestixioso selo certificador.
"As empresas do grupo ENCE e algúns dos seus traballadores aínda non entenderon que os principios do Forest Stewardship Council (FSC) non se poden secuestrar con poderío económico e tácticas de dubidosa ética", reprochou Miguel Ángel Soto, responsábel a nivel estatal da Campaña de Bosques de Greenpeace. Na actualidade, o selo da FSC incorporado aos produtos forestais significa que estes proceden dun bosque ou plantación onde se realizou unha xestión forestal ambientalmente responsábel, socialmente beneficiosa e economicamente viábel.
A FSC España celebra asemblea xeral o vindeiro 27 de xaneiro para a renovación da xunta directiva logo de dous anos de mandato. Cara a esa data, o grupo ENCE sumou socios para a FSC a través de empresas afíns, traballadores e centros de investigación vencellados á industria do eucalipto, presentando agora numerosas candidaturas relacionadas. "Este burdo intento de estar presente en todas as cámaras da asociación FSC non é viábel e os responsábeis da FSC Internacional saben que esta estratexias é ilexítima e socava os principios de equilibrio de intereses propios do FSC), avisa Greenpeace.
Neste contexto, os ecoloxistas censuran que unha empresa privada tente controlar a actividade dunha asociación que "gañou a súa reputación apostando pola participación e o equilibrio de intereses". Recordan que a xunta directiva do FSC ten tres cámaras (ambiental, social e económica), onde as ONG, sindicatos, empresas, administracións, persoas individuais e investigadores, buscan un consenso "que respecte as prioridades de todas as partes".