A Cámara da Cidade de México ameaza con aprobar unha normativa con sancións para quen informe dos puntos de control na rede.
Os usuarios mexicanos están a descubrir novas utilidades das redes sociais. Así, na capital federal, o servizo de mensaxes curtas de Twitter estase a empregar para evadir os puntos de control de alcoholemia. A policía do DF xa advertiu de que esta práctica é delito e anunciou que sancionará as persoas que informen a través da rede social dos lugares onde se sitúen as patrullas do programa 'Conduce sin Alcohol'.
A Cámara de Deputados expresou a súa intención de promover unha reforma legal para regular o uso das redes sociais, en particular Twitter, e evitar "poñer en risco a vida de quen as le", segundo informou a edición hispana da BBC. As sancións poderían chegar a ser mesmo de cadea.
A mobilización social en México a través da internet xa demostrou a súa efectividade cando o Senado quixo subir os impostos ao uso da rede, en outubro de 2009. Unha vaga de protestas a través de Twitter conseguiu cancelar a proposta. Tamén as redes de narcotraficantes e de secuestradores fan uso das redes sociais, segundo o Ministerio de Seguridade, que amosou a súa preocupación polo feito de que sirvan para violar as leis.
Segundo informa a BBC, máis de dúas mil persoas están subscritas ao foro de Twitter que alerta sobre os reténs dos controis de alcoholemia. Para evitar estas fuxidas, a policía mexicana decidiu cambiar de lugar os seus puntos de revisión. A sanción por conducir con máis de 40 miligramos de alcol no sangue é un arresto de entre 12 e 36 horas nun centro de detención coñecido como El Torito.