A película 'Buried', dirixida polo galego Rodrigo Cortés, arrasa no festival de cine independente máis importante do mundo.
Un mozo do Ribeiro, máis concretamente de Pazos Hermos (Cenlle), está a revolucionar Sundance, o festival de cine independente máis prestixioso do mundo. A película 'Buried' (Enterrado) dirixida por Rodrigo Cortés está a ter un éxito sorprendente tanto entre a crítica coma entre o público, que pelexa polas entradas para os diferenets pases-
As pelexas das empresas cinematográficas polos dereitos de distribución da cinta en EUA foron antolóxicas. Finalmente, Lionsgate gañou a poxa. Un dos seus executivos, Jason Constantine, aseguraba que o film é “un dos thrillers máis intensos que vimos nunca; tiñamos a determinación absoluta de conseguir a película”.
A película, rodada en inglés, está protagonizada polo actor Ryan Reynolds. A historia narra a situación que vive un contratista civil en Iraq que esperta enterrado vivo nunha caixa de madeira, coa soa compaña dun móbil coa batería case esgotada. O film chegará ás salas de todo o mundo na vindeira primavera.
A súa primeira longametraxe, “Concursante” recibira xa boas críticas no Estado Español. En Galiza, a película logrou dous premios nos Mestre Mateo de 2007. Un deles foi para Luís Zahera (Mellor Interpretación) e o outro o de Mellor Montaxe.