Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
VENRES 29 NO CGB E SÁBADO 30 NO ATENEU DE 9 BARRIS

“Descarga ao Vivo”: fusión musical Cuba-Galiza

Unha grande big band galego-cubana que se presenta no Centro Galego de Barcelona e ofrece un concerto no Ateneu Popular de 9 Barris.

Redacción Barcelona - 08:00 27/01/2010

Xa está na rúa o CD da Descarga ao vivo, unha gravación ao vivo que reflicte a realidade do proxecto. Unha fusión musical sen calzadores. Espontánea, natural, harmónica, elegante. As xotas e muiñeiras galegas, a guajira e a rumba cubana, as habaneiras, o danzón. O folk galego e o jazz latino nunha simbiose musical perfecta, como xa acontecera na illa a principios do século XX. Porque a música galega que naceu en Cuba por fin chega a Galiza.

Este CD vén acompañado dun DVD de agasallo que contén as imaxes da xira, da estrea no Teatro Mella da Habana e dos concertos da Coruña, Compostela e Vigo. Un making off que dá fe do encontro, da convivencia sonora e anímica, da complexidade do proxecto, da satisfacción do resultado. Pablo Milanés cantando Aí vén o Maio en galego é un os extras de agasallo que poden escoitarse no DVD, que se completa con imaxes da xira e cunha galería de fotos.

Descarga ao vivo é proxecto musical redondo, o evento máis ambicioso que se presentou o pasado ano en Galiza. O disco opta aos Premios da Música, aos Grammy Latinos e aos Premios da BBC.

Venres 29 de xaneiro ás 12 h
Presentación do CD-DVD de DESCARGA AO VIVO en Barcelona.
Centro Galego de Barcelona (Les Rambles 35-37)
Con intervención dos artistas, proxeccións, audiovisuais e música en directo.

Sábado 30 de xaneiro ás 22 h
Concerto de Alejandro Vargas Trío
Ateneu Popular de Nou Barris. (c/ Portlligat 11-15)
Alejandro Vargas. Premio Cubadisco en 2008, ofrecerá o mellor do seu jazz cubano inspirado no órgano oriental.


Ligazóns

4,43/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: