Así reflexionou o sociólogo Eduardo Rego, colaborador de Vieiros, un dos participantes na primeira mesa da Rolda de Rebeldía. Vídeo no interior.
"Os partidos políticos, poden recuperar a súa lexitimidade e seguir desempeñando as súas funcións se transforman a súa estrutura organizativa, máis participativa, transparente e democrática e erradicar as malas prácticas que, doutra banda, atribúen en exclusiva, a outras institucións e organizacións", expuxo Eduardo Rego na súa intervención o pasado sábado na xuntanza convocada, "o que se predica para a sociedade debe exemplarizarse no comportamento interno da organización e na actuación dos seus cargos electos e no conxunto dos afiliados".
Advertiu Rego de que non hai fórmulas preestabelecidas e válidas universalmente e que o traballo dos partidos para a recuperación da lexitimidade perdida debe ser "un proceso dinámico, aprendendo da experiencia propia e allea, con avaliación dos resultados". Na súa análise valorou a participación e acceso ás institucións é subliñou conveniente e necesario pola oportunidade que presenta "para transformar ou cambiar a realidade". Mais, advertiu, "non debe considerarse imprescindíbel en todas as circunstancias". "A relación é moi complexa, pois, a miúdo ocorre á inversa, é a presenza nas institucións a que modifica, até o punto de facela irrecoñecíbel, as políticas que definira o partido", expuxo.
"Un dos problemas vinculado á crecente desafección é que os partidos se foron convertendo en partidos de cargos públicos que ao solaparse cos cargos orgánicos, desvincúlanse da base de afiliados e das súas bases sociais que lle posibilitaron alcanzar o poder, destrúen o potencial transformador en aras de permanecer no poder, convértense en profesionais da política, intercambiando as bases sociais de apoio por outras utilizando os mecanismos clientelares que lles permite o desempeño dos cargos", engade a súa análise.
Esixencias da cidadanía e movementos sociais na relación coas organizacións políticas
"O desencanto máis evidente que producen as formacións políticas clásicas en xeral e as do ámbito nacionalista con que levamos tempo a camiñar e que presentan algunhas especificidades en que agora non imos reparar é a falta de atención ao individual, a aquilo que cada persoa representa e move e ofrece e a desconsideración sobre as minorías, sexan do tipo que foren, o que significa o desenvolvemento de sistemas de actuación en que non caben os matices", opinou Goretti Sanmartin, profesora da Universidade da Coruña.
"Se os partidos aspiran a ser simples correas de transmisión non poderán comprender a complexidade das prácticas constituíntes dos movementos alternativos", indicou na súa quenda o activista Antón Gómez Reino, "estas son dificilmente capturábeis desde a verticalidade dos aparatos de partido que operan na busca da hexemonía das víricas iniciativas sociais que en formas (organizativas) e modos (procedimentais) sonlles antagonistas".
Recomedámoslles consultar o resumo das intervencións, dispoñíbel no dossier da Rolda: As ideas e a palabra (.pdf)