O BNG urxe a Feijoo a pelexar xudicialmente contra o intento de absorción das entidades de aforro galegas.
O presidente Alberto Núñez Feijoo afirmou este mércores no Parlamento que os servizos xurídicos da Xunta xa teñen preparado o recurso contra o Fondo de Reestruturación Ordeada Bancaria (FROB) e asegurou que está disposto a presentalo se na vindeira reunión bilateral co goberno español se confirma a “deslealdade” con Galiza.
Feijoo fixo este anuncio no Parlamento, logo de que o voceiro do BNG, Carlos Aymerich, sinalase que o recurso do executivo español contra a Lei de Caixas era a demostración de que Madrid non ten vontade de dialogar senón de impedir a preservación da galeguidade das caixas tal e como se aprobou no Hórreo.
Aymerich sinalou que hai indicios dun “pacto pechado” a nivel estatal entre PP e PSOE polo que cada unha das caixas pasaría ao ámbito de influencia de populares e socialistas en Madrid. Fronte a isto, o nacionalista lembroulle a Feijoo que a única defensa de Galiza é presentar “recurso contra recurso” levando o FROB ao Tribunal Constitucional: “Fronte á deslealdade do Estado, a Xunta ten que actual de forma intelixente” e considerou que Galiza ten todas as de gañar xa que a actuación do goberno español é un “recurso político” mentres que o que recomenda busca a defensa das competencias propias.