Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Rubem Meixide

Continúa o proceso xudicial contra o coruñés acusado de agredir hai dous anos un militante de extrema dereita

O avogado da acusación particular é o coñecido ultradereitista Ricardo Sáenz de Ynestrillas, que solicita cinco anos de prisión e 8.500 euros de multa.

Redacción - 11:00 22/02/2010

Rubem Meixide, veciño da Coruña, continúa o seu via crucis xudicial, iniciado en abril de 2008, cando foi detido pola Policía no seu posto de traballo, acusado de agredir un militante de extrema dereita.

O incidente acontecera dous meses antes, cando Meixide e outros dous compañeiros viron como unha persoa pegaba autocolantes de "ideoloxía fascista" nunha rúa da cidade. Ao recriminárenlle a súa actitude, este último sacou un puñal que acabou producindo unha pelexa.

A pasada cuarta feira, o procesado compareceu no xulgado de instrución que lle impuxo unha nova "fianza por responsabilidade civil" -ademais da de tres mil euros que xa pagou daquelas para evitar a entrada no cárcere- por valor de mais de 10.730 euros. A razón é que o agredido tivo que estar varios días de baixa após o incidente.

No entanto, Meixide -que na actualidade está no paro- declarouse "insolvente" polo que non terá que aboar esa cantidade, sen prexuízos penais de ningún tipo. Ademais, en días vindeiros, coñecerase o número de xulgado que lle será asignado, unha cuestión que podería condicionar a duración do proceso xa que os número 1 e 2 -non así o 5, 6 e 7- están colmados de traballo.

Na acusación, Sáenz de Ynestrillas

A acusación pública solicita unha pena de catro anos de cárcere e unha multa de 8.500 euros. A mesma cantidade de cartos que pide a acusación particular, aínda que esta eleva a cinco anos de cadea a súa reclamación.

O avogado do agredido é o ultradereitista Ricardo Sáenz de Ynestrillas, coñecido entre outra cousas por participar en tertulias televisivas logo de ser absolvido do asasinato do deputado vasco Josu Muguruza, en 1989

Tamén, por ser condenado a sete anos por "tenza ilícita de armas" e "tentativa de homicidio" na persoa de Vicente Figaredo, por un asunto relacionado con drogas. Porén só cumpriu tres anos e nove meses da pena polo seu "comportamento" no cárcere.


4,56/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: