Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NA CORUÑA

Os traballadores de instalacións deportivas inician unha acampada

Cando se cumpren 32 días de folga, seguen exixindo que a patronal se sente a negociar o novo convenio para desbloquear o conflito.

Redacción - 13:05 05/03/2010

Un grupo de traballadores das instalacións deportivas, en folga dende hai xa máis dun mes, iniciaron unha acampada de protesta ante o Edificio Administrativo da Xunta, en Monelos (A Coruña). É parte do calendario de mobilizacións que manteñen para exixir melloras salariais e laborais na negociación do convenio colectivo.

Esta protesta formúlase como indefinida, para o que se estabelecerán quendas con 20 ou 30 persoas en cada unha. Foi a última medida acordada en asemblea, logo do fracaso das negociacións da pasada semana. “Non pensamos movernos até que se resolva o conflito”, advertía Adolfo Naya, da CIG-Servizos, ao comezo da acampada. Coa protesta, o persoal quere continuar visibilizando na rúa o conflito do sector e lembrar á administración e á patronal “que estamos aquí e non nos iremos até que se resolva o conflito”.

Os traballadores subliñan que, malia algúns avances no tema de garantías laborais, o principal problema, que semella insalvábel para a patronal, seguen a ser as táboas salariais. Naya lamentou a falta de acordo neste punto e reiterou que “918 euros de salario base para 2012 tampouco é pedir tanto”.

Doutra banda, as organizacións sindicais están a promover iniciativas para recadar fondos para distribuír entre os folguistas, tendo en conta que levan un mes de paro e, polo tanto, sen cobrar a súa nómina. O vindeiro xoves haberá unha festa-maratón solidaria na discoteca Bambina de Santa Cristina, que contará cun maratón de actividades e cun concerto do grupo Ekilibrio, ademais de monólogos e actuación de dous dj's. A recadación destinarase aos traballadores en folga.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Os traballadores das instalacións deportivas levan 32 días en folga
Os traballadores das instalacións deportivas levan 32 días en folga
Unha das exixencias dos folguistas é unha mellora salarial inmediata (actualmente cobran sobre 730-800 euros brutos)
Unha das exixencias dos folguistas é unha mellora salarial inmediata (actualmente cobran sobre 730-800 euros brutos)