Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O Trasno

Dicionarios

Agora que temos unha Academia Galega con pólvora e magnolias, poderiamos contraatacar. Outra cousa é que non nos vaia o estilo...

Daniel López - 16:02 08/03/2010

           
 
O que dixo aí atrás esa señora é culpa súa só en parte. Está no dicionario da Real Academia Española. E ela, que é todo elejansia e sobreabunda en españolidade, limitouse a empregar a acepción número oito do termo “gallego”, que é a de “tonto, falto de entendimiento”. É o máis probable, agás que quixese chamar a Zapatero –en adiante Zapateiro- e de paso a Rajoy, -en adiante Rajoy- “ave palmípeda de plumaje ceniciento”, ou, se cadra, “especie de lagartija crestada que vive en las orillas de los ríos”, cousa incerta falando de don José Luis e pouco probable –aínda que o de “ceniciento”, dea que pensar- falando de don Mariano.

Mirei no dicionario da Española: andaluz, asturiano, catalán, murciano, fisterrán (non viña), vasco ….. e en ningún caso presentan semellante riqueza de significados. Temos que estar orgullosos de compartir entrada na lingua española coas palmípedes cincentas e os cristados con déficit de entendemento (de feito hai ben deles nas portadas da “prensa rexional”).

Con todo, poderiamos amagar con desempoar a versión apócrifa do dicionario da Academia Galega que disque apareceu no faiado con pingueiras da rúa Tabernas número 11. Nesta versión, na que se pasaron un pelo, recóllense todas as acepcións que en galego se dan aos numerosos xentilicios ibéricos. Non me paro coas de catalán, andaluz, portugués e vasco, que non teñen culpa, pero si que me chamou a atención a de madrileño, xa que, en definitiva, é do que exerce por adopción esa política señora. O dicionario dicía estas barbaridades:

Madrileño: 1. Natural ou habitante de Madrid. 2. Propio de Madrid (Ex. Cocido madrileño). 3. “Nin que foses....”, “Pareces un.....”, “Seica es ..........”: Testán, de mente ríxida; persoa etnocéntrica, incapaz de captar a diferenza cultural; aplícase a quen ignora os aspectos elementais da vida natural de animais e plantas (Ex. Pensaba que os percebes nadaban,... nin que fose madrileño); chulo, rufián, home que trafica con mulleres públicas; farfallán, esbardalleiro, esaxerado; dise da persoa ruidosa; torpe, trastalleiro, pouco áxil; fachendoso, incapaz de arrepentimento.

Pois iso, que non é falta de imaxinación nin de significados. É unicamente cuestión de estilo e saber estar. Pero se hai que negociar, negociemos.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: