O presidente do Comité Interempresas asegura que o que pide o colectivo de traballadores é ilegal, pois o proceso de consolidación debe ser aberto a todo o mundo.
Os catro sindicatos con representación no Comité Interempresas da CRTVG negaron que a futura Oferta Pública de Emprego dos medios de comunicación públicos vaia supoñer un ERE encuberto e denunciaron que, en realidade, se trata dunha "cortina de fume" impulsada polo sindicato CUT para forzar un modo de acceso "restrinxido" e "ilegal".
O presidente do comité, Santi Alvite, explicou que a proposta impulsada por un grupo de traballadores para garantir a consolidación dos contratos temporais no ente público "non se axusta á lei" e que a proposta apoiada polos sindicatos con representación e pola empresa é a única "real e legal".
Alvite, no nome dos catro sindicatos, desmonta o argumento de que o proceso de consolidación de emprego previsto vaia supoñer un ERE encuberto, pois, afirma, restándolles os 154 contratos de substitución aos arredor de 443 contratos temporais que existen en San Marcos, quedarían 289 contratos 'consolidábeis'. A OPE, que contempla 220 prazas, só deixaría 69 postos sen cubrir, o que contrasta coa suposta perda de 300 empregos da que fala o colectivo de traballadores. Malia todo, os sindicatos pretenden que eses case 70 postos non se cubran mediante contratos por obra e servizo, como suxire a dirección da CRTVG, senón que se poidan converter en persoal fixo.
O responsábel do Comité Interempresas cualificou de "falacia" o argumento do ERE e matizou a importancia sobre o número de sinaturas (370 de arredor de mil) que apoian a reivindicación, pois "o que piden é ilegal". "Tanto ten que sexan 350 ou 500, a cifra non é o que conta. O importante é que se é ilegal é ilegal", engadiu.
No entanto, engadiu que "é humano e entendíbel" que o persoal apoiase "por solidariedade" a proposta para mellorar as condicións laborais dos seus compañeiros, "pero non podemos buscar fórmulas de acceso que non sexan legais". Así, asegurou que un proceso como o proposto efectuado pola televisión andaluza, Canal Sur, acabou sendo anulado polo Tribunal Supremo, co que unha medida semellante "acabarían pedíndonos responsabilidades a nós".
Cualificou os feitos de "xogo perverso" por parte da CUT, que "actúa como tal internamente, e externamente faino como colectivo de contratados", e culpouna de "externalizar este conflito", que até agora era estritamente interno da empresa.
A OPE xa beneficia os de dentro
Con respecto á Oferta Pública de Emprego, Alvite explicou que xa beneficia todo o legalmente posíbel os traballadores temporais da casa, pois "o proceso negociouse valorando o máximo o tempo traballado na CRTVG fronte a outras empresas", algo que permite a lei, que ademais especifica que "o sistema de acceso debe permitir que calquera se poida presentar e acadar unha praza", puntuando "obxectivamente a súa capacidade".