Unha inspección á fábrica por parte da FIFA descubriu supostos casos de traballo infantil, malas condicións laborais e salarios excesivamente baixos.
A empresa que xestiona a marca da FIFA, Global Brands Group (GBG), comunicou este martes que a compañía chinesa Shangai Fashion Plastic Products tiña que deter a produción de Zakumi, a mascota do Mundial de Fútbol de Suráfrica, até que mellore as condicións de traballo.
GBG realizou unha auditoría e unha inspección á fábrica e supostamente descubriron varios casos que incumprían o código de conduta para os contratistas da FIFA. Previamente, sindicatos sudafricanos ameazaran con boicotear o torneo logo de que o tabloide sensacionalista británico News of the World denunciase a situación en xaneiro.
"As acusacións de que usabamos traballo infantil, tiñamos salarios excesivamente baixos e malas condicións, etc, son completamente inventadas", sinalou a axencias internacionais unha portavoz da compañía chinesa, que atribúe a denuncia "ao alto desemprego que agora hai en Suráfrica". "Algúns dos seus políticos usaron as nosas condicións laborais como unha escusa", engadiu.
Esta mesma portavoz sinalou que realizaran cambios desde a visita de GBG hai un mes "para alcanzar os estándares internacionais", e que estaban a agardar pola próxima inspección para recibir a aprobación ás melloras.
"Fomos unha das mellores compañías en China en termos de ambiente laboral, salarios e cumprimento da lei, aínda que as condicións salariais e laborais en China nunca poderían competir coas de Gran Bretaña ou Singapur", indicou esta fonte que, segundo as axencias, preferiu permanecer no anonimato.
Críticas en Suráfrica pola deslocalización
O contrato para confeccionar a mascota Zakumi, informa a BBC, foi gañado por un empresario membro do ANC, o partido que do Goberno en Suráfrica. Posteriormente, desviou o traballo a China, provocando duras críticas por parte do principal sindicato do país, o Cosatu, que ve nesta deslocalización o verdadeiro e principal problema de todo o asunto.