Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Investigación

O 'pan maldito' de Lo Pònt Sant Esperit era un experimento da CIA con LSD

En 1951, cinco veciños desta vila occitana morreron e ducias tiveron que ser ingresados en psiquiátricos.

Redacción - 12:50 12/03/2010

Un investigador estadounidense afirma que a CIA está detrás do misterioso caso do 'pan maldito', unha aparente intoxicación alimentaria con síntomas de desorientación mental e alucinacións que afectou en agosto de 1951 os veciños da localidade occitana de Lo Pònt Sant Esperit.

Cinco persoas morreron e houbo uns 300 afectados, 30 dos cales foron ingresados durante un longo período de tempo en centros psiquiátricos. Segundo o xornalista Hank Albarelli, o pan contiña dietilamida de ácido lisérxico, coñecido polo seu acrónimo en alemán, LSD.

A CIA pretendía examinar os seus efectos como parte dunha experiencia sobre o control da mente. Supostamente, primeiro quíxoo esparexer sobre Lo Pònt Sant Esperit desde os ares mais o método fallou, así que a sustancia foi agregada finalmente á fariña de pan.

Colaboradores da farmacéutica suíza Sandoz, que inventou a LSD en 1938, fan referencia ao "segredo de Lo Pònt Sant Esperit" e á "dietilamida" nunha conversación con axentes do servizo de intelixencia dos EUA que Albarelli reproduce nun libro sobre experimentos secretos da CIA durante a Guerra Fría.

Noite "apocalíptica"
As testemuñas describen como "apocalíptica" aquela noite de agosto de 1951. Ademais de náuseas, vómitos, diarreas e outros síntomas típicos dunha intoxicación alimentaria, os afectados tiñan comportamento anormal, mesmo violento.

Un cativo de 11 anos tentou estrangular a súa avoa; unha muller lanzouse contra unha parede e fracturouse tres costelas; unha nena creuse atacada por tigres; un home tirouse desde o segundo piso pensando que era un avión.

O historiador estadounidense Steven Kaplan cualificou a teoría de "clinicamente incoherente". "O LSD comeza a facer efecto en cuestión de poucas horas mentres que en Lo Pònt Sant Esperit os síntomas manifestáronse só 36 horas despois ou máis tarde", declarou a medios franceses.


4,17/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: