Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Editarase un libro-cd coas obras finalistas

'Indoor', orixinalidade e ritmo triunfan no IV Premio de Teatro Radiofónico

A peza de Vanesa M.Sotelo gaña o certame organizado polo Diario Cultural, na Radio Galega. O premio da audiencia foi para 'O vento da illa', de Begoña García Ferreira.

Redacción - 09:15 26/03/2010

"A escrita contemporánea da obra gañadora así como a orixinalidade do texto cun ritmo medido e marcado para o tempo esixido e a súa linguaxe expresiva e poética na que destaca tamén o manexo da síntese" fixeron merecedora a ‘Indoor’ deste IV Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. Así o deu a coñecer este xoves o xurado, composto por Ánxeles Cuña, directora de teatro e dramaturga; Ana Romaní, directora do “Diario Cultural” da Radio Galega; Rubén Ruibal, dramaturgo e gañador da última edición; María Paredes, coordinadora de programación da Agadic, e o crítico teatral Camilo Franco,

Vanesa Martinez Sotelo, autora da peza gañadora, é actriz e dramaturga e traballou en diferentes compañías teatrais como a Aula de Teatro da Universidade de Santiago, na francesa Amphi-Théâtre, en Teatro no Aramio e na actualidade en Inversa Teatro, coa que prepara a estrea da obra Expostas da que é coautora. Martínez Sotelo tamén foi dramaturga residente para o CDG coa obra Estigma e artista en residencia para a mesma institución en 2009 con Corpo-puta-vaca-berro.

Premio da audiencia e libro-cd
Doutra banda, a gañadora do Premio da Audiencia, Begoña García Ferreira, estudou Xeografía e Historia e actualmente amplía a súa formación en arqueoloxía na República Checa e traballa en Praga como profesora de español. Participou en varias obras de teatro universitario e foi compoñente da compañía profesional Cachuzo Teatro. Recibiu no ano 2008 o II Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pola obra O mal da vaca e en 2009 o Premio Barriga Verde pola obra Bon appétit.

Os galardóns, dotados cada un deles con 3 mil euros, entréganse o próximo 15 de abril dunha gala que terá lugar no Teatro Principal de Ourense. Aló presentarase ademais un libro-cd coas tres obras finalistas, editado por Xerais, e que inclúe, alén das dúas gañadoras mencionadas, a peza 'Nunca me esquecerei de ti', obra de David Rodríguez Rodríguez.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: