Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
APOSTA CULTURAL

Lugo convértese en epicentro teatral do país

O teatro chegará nos vindeiros meses a 45 concellos da man do programa Buxiganga, posto en marcha pola área de Cultura da Deputación de Lugo.

Isabel G. Couso - 12:05 08/04/2010
Cartel de Buxiganga

Cartel de Buxiganga

Dinamizar e potenciar o teatro afeccionado lugués e botar máis e máis semente para que xermole unha futura industria cultural teatral. Este é un dos obxectivos de Buxiganga, un programa impulsado pola área de Cultura da Deputación de Lugo que levará o teatro afeccionado por 45 concellos de toda a provincia.

O funcionamento de Buxiganga é ben sinxelo, ao tempo que pioneiro e innovador: a deputación elaborou un catálogo cos diferentes grupos de teatro afeccionado e as súas pezas; a partir de aí, os concellos interesados solicitan aquelas representacións (un máximo de tres) que consideran que terán un maior tirón entre o seu público. A cambio só teñen que pagar un prezo simbólico (25 euros), mentres que o organismo provincial asume o peso do financiamento (Buxiganga conta cun orzamento de 75 mil euros).

Paloma Lugilde, do grupo de teatro do Consello da Cultura da Deputación, destaca que o programa ofrece a todos os grupos lucenses de teatro a posibilidade de aumentar o seu número de representacións das súas montaxes e, ao mesmo tempo, aliméntase a programación cultural dos municipios. A maiores, segundo subliña o vicepresidente da Deputación, Antón Bao (BNG), “poténciase o teatro en todas súas vertentes como un elemento de transmisión cultural”, ademais de “fomentar o emprego da nosa lingua no teatro”, e devolverlle á comedia “a súa importante función de cohesión e integración social”.

Éxito sen precedentes
Esta é a segunda edición de Buxiganga, logo dun rotundo éxito no pasado ano, e a demanda superou amplamente a oferta. Os 16 grupos rexistrados fixéronse poucos para todas as actuacións solicitadas (o programa estabelece un máximo de seis representacións por compañía) e o incremento de interese foi notábel con respecto ao ano pasado. Con todo, a coordinación do programa vai permitir que todos os grupos de teatro afeccionado que participan sumen en conxunto 90 funcións polos diferentes concellos de Lugo.

Entre os froitos que deu a posta en marcha de Buxiganga o pasado ano hai que destacar a creación de tres novos grupos de teatro: A Rabela en Baralla, o grupo O Batán en Foz e o grupo de teatro Crea en Viveiro. “Cumpriuse así o obxectivo de continuar ampliando a participación a través do teatro”, subliña Bao. O impulso que se lle deu ao proxecto permitiu asemade a incorporación dun bolseiro, Rubén Pérez, quen coordina todo o programa e colabora nas tarefas de organización e programación das representacións.

Aposta integral polo teatro
Precisamente Pérez destaca a amplitude de Buxiganga, que vai máis alá dun circuíto de representacións teatrais. Outras liñas de traballo apostan polo estudo da antropoloxía teatral ou pola creación dun arquivo documental, “que se propón recuperar a historia do teatro en Lugo, con buscas en hemeroteca e na memoria viva das montaxes”.

Tamén se prevé a publicación dos textos teatrais, ou iniciar un programa de formación, que será presentado nos vindeiros días. Asemade, o proxecto contempla dinamizar a intercomunicación entre os diferentes grupos teatrais a través de asembleas periódicas ou glosar os recursos dos que dispoñen, como lugares de representación, planos e outros elementos valiosos para a súa montaxe. En suma, explica Lugilde, “trátase de que a Deputación se converta nun foco que aglutine as propostas teatrais, que o dinamice e que actúe como xermolo para poder nun futuro edificar unha industria cultural teatral en Lugo”.


Ligazóns

5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Antón Bao e Paloma Lugilde presentaron o programa no Pazo de San Marcos mentres o actor Alberte Cabarcos facía unha representación
Antón Bao e Paloma Lugilde presentaron o programa no Pazo de San Marcos mentres o actor Alberte Cabarcos facía unha representación
Imaxe dun dos grupos participantes: Achádego Teatro
Imaxe dun dos grupos participantes: Achádego Teatro