Un total de 15 artistas participarán o vindeiro sábado 17 nun festival de música organizado por Queremos Galego.
Berrogüetto, Ruxe-Ruxe, Luar na Lubre, Fuxan os Ventos, Os tres trebóns, A Quenlla, Fía na Roca, García MC, Galegoz, Lamatumbá, Os Carunchos, Espido, Uxía Senlle, Zurrumalla e a Asociación de Gaiteiros Galegos. Este é o cartaz da resposta musical que a Plataforma Queremos Galego está a preparar en contra do “mal chamado decreto do plurilingüismo”. Será nun macrofestival musical que se celebrará o vindeiro sábado 17 de abril a partir das sete e media da tarde no Recinto Feiral de Pontevedra.
“A sociedade díxolle non ás políticas contra o galego deste goberno de moitas maneiras, agora dirémosllo cantando”, dixo Carlos Callón, portavoz da Plataforma, na presentación do concerto. Segundo explicou, o festival “está chamado a ser, polas súas dimensións organizativas e a calidade artística dos grupos e artistas participantes, un dos maiores fitos culturais da historia recente do país”. Ademais, agradeceu a desinteresada colaboración de todos os grupos, así como a súa “extraordinaria calidade” e as súas “mostras máis que exemplares de compromiso coa nosa lingua e cultura”.
As entradas xa se poden adquirir ao prezo de 10 euros en venda anticipada (12 euros na billeteira do recinto, o propio día do concerto) en máis de medio cento de locais colaboran na súa venda en todas as comarcas do país ou a través da web de Queremos Galego. Demostrarase así, nas palabras de Uxía Senlle que “a música, ademais de ser un espazo extraordinario para expresar reivindicacións xustas e lexítimas, é un vehículo idóneo para transmitir toda a forza, o amor e a vida da nosa lingua propia, o galego”.