Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Entre "pedagóxica" e "aporofóbica e arbitraria"

Ordenanza cívica ou antisocial?

O Concello de Lugo continúa co trámite para aprobar unha norma que cualifica de "necesaria", mais que conta coa oposición frontal dos movementos sociais da cidade.

Fernando Arrizado - 11:00 15/04/2010
A Ordenanza, critican, é "aporofóbica"

A Ordenanza, critican, é "aporofóbica"

A Plataforma Anti Ordenanza de Lugo ofrece esta quinta feira unha palestra informativa aberta a toda a cidadanía (Centro Social Uxío Novoneyra, 20.00 horas) para explicar os motivos por que se opón ao proxecto de Ordenanza Cívica que prevé aprobar o goberno municipal. Unha nova acción da vintena de colectivos que a conforman co fin de conseguir a súa retirada total.

Santiago Quiroga, portavoz da Plataforma, considera que "non é necesaria" porque as cuestións que recolle xa están contempladas nas ordenanzas municipais en vigor. Ademais, critica que "a tipificación fica moi aberta, pouco delimitada, deixando á libre interpretación do policía que é e que non é delito".

"Por exemplo -di-, unha actividade lúdica como xogar ao balón na rúa pode ser castigada 'cando se altere a convivencia', algo que depende da arbitrariedade do axente". Outra importante tara que lle ven desde a Plataforma é a súa "aporofobia": "Oculta a pobreza e criminaliza a mendicidade 'cando hai insistencia', como na lexislación franquista que a penaba 'cando era habitual'", afirma Quiroga.

Fóra deste colectivo, tamén o BNG presentou alegacións ao proxecto de Ordenanza. "Carece de sensibilidade social e de rigor xurídico", opina o concelleiro nacionalista Xosé Chorén, que tamén incide en que determinados colectivos "en troques de recibir protección son perseguidos". Como consecuencia, logo dun debate interno dentro da formación frontista, elaborouse un informe xurídico que segundo Chorén "bota por terra o 90% da norma".

Recoñece, no entanto, que hai algunhas cousas sobre as que se podería comezar a traballar. Porén, os nacionalistas opóñense radicalmente a "todo o que atenta contra a convivencia na cidade", como o dereito de reunión ou o coñecido como botellón (para o que piden habilitar zonas); defenden -e así se contempla xa, logo de ser admitida a súa suxestión- que as sancións económicas poidan ser "substituídas por traballos en beneficio da comunidade"; e reclaman que "se faga partícipe á sociedade".

Neste senso, Chorén salienta que nas alegacións propuxeron a convocatoria dun foro cívico, reunido por vez primeira (e última, á espera de que volva ser convocado polo concelleiro de Protección da Comunidade, Xosé Rábade) en Nadal, e ao que levaron un documento alternativo para o debate. Desde a Plataforma Anti Ordenanza denunciaron a súa exclusión deste foro por parte do Concello.

Rábade rexeita unha por unha todas as críticas. Comezando por unha común a todas as persoas consultadas: que a Ordenanza de Lugo foi copiada da de Barcelona. "Lugo non é unha illa. Está dentro de Galiza e de España, e a problemática neste asunto é similar", sinala, aínda que "tamén recolle problemáticas propias, como o caso dos gorrillas". Ademais, afirma que coincide coa ordenanza tipo elaborada pola FEMP (.pdf/696KB) "posteriormente" .

Respecto á suposta marxinación da cidadanía, o principal impulsor da Ordenanza Cívica asegura que mantiveron 10 xuntanzas con ducias de colectivos de diferentes ámbitos para recabar ideas (por exemplo, a Asociación de Vendedores de Coches Usados pediu que se introducise -e así foi- a prohibición de colocar o cartel "Véndese" nos automóbiles estacionados).

No que se refire á demora en convocar de novo o foro cívico, di que a norma está cubrindo trámites, que actualmente está na sección de Policía e que posteriormente será revisada pola Asesoría Xurídica. Será aí cando volva haber unha xuntanza, asegura, e aínda haberá tempo para outra exposición pública e un novo período de alegacións logo de ser aprobada en Pleno.

E por último, defende que non se pode falar de "criminalización" da xuventude nin doutros colectivos, cando "o Concello de Lugo é o que máis inviste en persoas" do Estado. En calquera caso, Xosé Rábade considera que a Ordenanza Cívica "responde a unha demanda da cidadanía", pretende atallar unha "problemática que se detecta" e ten un "fin pedagóxico".


OROZCO, EN WASHINGTON; O CICAD EN LUGO


Mais quen dá unha clave de maior calado político é o portavoz municipal de Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, un dos principais impulsores da oposición ao proxecto de Ordenanza Cívica. Segundo este, a Ordenanza -que ten como principal obxectivo combater o botellón-, e os 2,4 millóns de euros -con cargo ao Plan E- para pechar o Parque de Rosalía de Castro (lugar de reunión da mocidade nas noites de festa) están directamente relacionados coa vindeira da xuntanza da CICAD.

A CICAD ou Comisión Interamericana para o Control e Abuso de Drogas é un organismo dependente da Organización de Estados Americanos (OEA) que do 21 ao 23 de abril se reúne en Lugo con representantes da UE no marco da presidencia española de quenda.

No CICAD ficaron gratamente sorprendidos co discurso do alcalde Xosé Clemente López Orozco que en febreiro participou nunha sesión en Washington. Alí defendeu o labor do Concello de Lugo en materia de prevención do consumo do alcol, razón pola que propuxeron a xuntanza do municipio lucense.

"De aí as présas por aprobar a Ordenanza. A ver como explica Orozco o 'labor do Concello de Lugo en materia de prevención' a todos os alcaldes de México, de Colombia, de Venezuela, con centos de mozos bebendo no parque e polas rúas da cidade", comenta Portomeñe.


4,07/5 (14 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A Plataforma Anti Ordenanza pide a retirada da norma (clique para ampliar)
A Plataforma Anti Ordenanza pide a retirada da norma (clique para ampliar)
O actual borrador de Ordenanza contemplou algunha das alegacións presentadas polo BNG. Na foto, Xosé Chorén (clique para ampliar)
O actual borrador de Ordenanza contemplou algunha das alegacións presentadas polo BNG. Na foto, Xosé Chorén (clique para ampliar)
"Se aplicamos a Ordenanza, o botellón en Lugo acábase en seis meses", sinalaba Rábde na presentación da Ordenanza, o pasado mes de outubro
"Se aplicamos a Ordenanza, o botellón en Lugo acábase en seis meses", sinalaba Rábde na presentación da Ordenanza, o pasado mes de outubro
O CICAD reúnese do 21 ao 23 de abril en Lugo
O CICAD reúnese do 21 ao 23 de abril en Lugo