Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Edición dixital

A Asociación de Editores prepara unha plataforma de contidos para o libro electrónico

Mantivo unha xornada de traballo en que recibiron achegas de diversas empresas, universidades e do Clúster TIC.

Redacción - 12:40 15/04/2010

Unha plataforma galega de contidos para o libro dixital está xa a dar os seus primeiros pasos. Varias empresas do sector TIC do país presentáronlle as súas propostas á Asociación Galega de Editores nunha xornada de traballo que tivo lugar na sede da editorial Sotelo Blanco.

A proposta do Clúster Galego das TIC foi unha plataforma de distribución de contidos dividida en dous portais: un para o libro de temática xeral e outro para publicacións electrónicas educativas. Neste segundo campo, a AGE pretende fomentar a posta en marcha da Escola 2.0 incluída no Plan Abalar da Consellaría de Educación para o vindeiro curso escolar.

A plataforma proposta polo Clúster contempla incluír tendas en liña tanto para libreiros como para editores, e ferramentas de redes sociais e formativas. Así mesmo, os usuarios da plataforma poderán almacenar contidos e ter un control dos mesmos.

Outras das propostas presentadas á AGE foi a das universidades da Coruña e de Vigo. A primeira estivo representada por Galebook, empresa nada do viveiro da institución coruñesa, mentres que a de Vigo contou coa presenza de Luís Martínez Orge.

Na xornada de traballo, que tivo lugar este mércores, tamén se deron a coñecer as ofertas e as posibilidades de colaboración das empresas Grammata, Imaxin Software e Netex Knowledge Factory. O obxectivo da AGE é asinar nos vindeiros meses acordos de colaboración con empresas TIC galegas para constituír unha plataforma tecnolóxica do libro dixital do país.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: