Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PREMIOS MESTRE MATEO

Críticas a esgalla: reivindicación da lingua e duns medios públicos libres

Non faltaron palabras sobre a destrución do Courel, a situación das rías ou a censura na TVG.

Redacción - 10:00 16/04/2010

O Pazo de Cultura de Narón acolleu a gran festa do audiovisual galego. Pero, ademais de celebración, tamén houbo espazo para a crítica e o compromiso. Un dos primeiros en turrarlle das orellas ao Goberno dende a tribuna foron os galardoados de Onda Curta, programa especializado en curtametraxes que deixou de emitirse co cambio na Xunta. Carlos Meixide dedicoulle o premio ao resto de nominados (que tamén caeron da programación da TVG) que “están no paro” e sentenzou “algo debemos facer ben”.

Houbo numerosas reivindicacións a prol da lingua no acto, con chanzas varias sobre o trilingüismo. Pero o momento máis incómodo para a delegación da Xunta, que encabeza o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, chegou coa intervención do director de fotografía e realizador Enrique Banet. Nun longo discurso, Banet lembroulle ao sector que é preciso “demostrar o compomiso co país” e denunciar situacións como a destrución do Courel ou a contaminación da ría de Ferrol. O galardoado sinalou que o país non pode quedar nas mans de “catro multinacionais”. Tamén arremeteu contra a TVG e pediu un medio “libre, sen censura e profesionalizado”.


5/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: