Dúas novas publicacións fomentan a normalización da lingua no ámbito laboral: unha a nivel xeral, outra no sector das traballadoras do fogar.
Promover e dar a coñecer a lingua galega entre as persoas acabadas de chegar a Galiza. Este é o obxectivo de dúas novas publicacións impulsadas pola Asociación Plataforma polo Emprego e a Asociación de Empregadas do Fogar Xiara e financiadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL).
A primeira é un manual práctico para o desenvolvemento do galego no ámbito laboral en xeral e destínase a aquelas persoas que queren incorporarse ao mercado laboral galego. Fai un percorrido por algunhas actividades económicas, repara no vocabulario máis empregado e ofrece pautas para a busca de emprego con detalles, por exemplo, sobre como elaborar o currículo ou como enfrontarse a unha entrevista de traballo, entre outros temas.
A segunda é unha guía didáctica para a promoción do galego no traballo doméstico e está destinada a aquelas persoas acabadas de chagar a Galiza que traballan no fogar. Ofrece un vocabulario básico, así como exemplos para o seu uso nas receitas. Ao final, ambas as dúas publicacións engaden un apartado de “galego útil”, no que se fai un repaso das palabras máis básicas en diferentes campos semánticos (como por exemplo os números).