A Dirección Xeral reuniuse cos sindicatos este martes para os informar das modificacións introducidas ao funcionamento dos tribunais de selección.
As denuncias foron abrollando
A CIG-Administración considera que a reforma da Función Pública, aprobada o 8 de abril polo Consello da Xunta, é unha reforma "apresurada, tendente a aparentar unha resposta diante da alarma social existente" logo das irregularidades detectadas no acceso á Administración autonómica.
Así llelo fixo saber o sindicato nacionalista aos representantes da Dirección Xeral da Función Pública, nunha xuntanza organizada este martes coas centrais e onde se informou polo miúdo da modificación das instrucións de abril de 2007 relativas ao funcionamento dos tribunais de selección.
O modelo defendido pola CIG, apuntan, pasa por -entre outras cousas- "despolitizar a designación dos membros dos tribunais", "revisar o modelo presidencialista", "recuperar a participación sindical" e "acadar un modelo homoxéneo de funcionamento para os procesos de persoal laboral e os de funcionario".
Convocada unha comisión técnica de mellora
Por outra banda, a Dirección Xeral da Función Pública anunciou que se constituirá unha comisión técnica de mellora dos procesos selectivos, coa participación das organizacións sindicais, co fin de elaborar no prazo de dous meses unhas novas instrucións relativas ao funcionamento dos tribunais de selección.