Máis de 20 asociacións sumáronse á iniciativa, que pretende denunciar a actitude da igrexa fronte aos seropositivos.
A idea é distribuír preservativos e folletos informativos sobre a prevención da sida nas zonas de acceso aos locais onde Bieito XVI celebrará misa. Será o vindeiro día 12 de maio en Lisboa, o 13 en Fátima e o 14 en Porto, a onde se achegará en visita papal.
A iniciativa, que partiu de tres xuristas, xa conta con máis de 11 milleiros de simpatizantes na súa páxina no facebook (Preservativos ao Papa em Portugal já) e incorporou a máis de 20 entidades sociais. En concreto, o movemento xa sumou preto dun cento de voluntarios e máis de 25 mil preservativos para repartir.
O obxectivo é denunciar a actitude da Igrexa contra os seropositivos e xordeu contra as declaracións de Ratxinger en África nas que aseguraba que “o preservativo non é parte da solución, mais si parte do problema”. Dende a organización desta acción opinan que “opinións coma esta agravan a situación da sida no mundo e contribúen a espallar a doenza e contaminar cada vez máis persoas”.