Unha web publica unha recompilación de imaxes curiosas de líderes mundiais nos seus anos mozos.
Berlusconi e Zapatero
Antes de seren presidentes, chanceleres ou primeiros ministros, os líderes mundiais tamén foron mozos e, aparentemente, rebeldes. En Brainz.org fixeron unha recompilación de 10 fotografías (aparentemente, xa non se pode consultar) doutros tantos dirixentes na súa mocidade onde se ve, en moitos casos, como mudou o conto, mentres que outros xa se vían vir.
Así, Barack Obama aparece fumando, cun sombreiro de palla e mirada pícara á cámara, mentres que Gordon Brown loce guedellas, o mesmo ca Nicolas Sarkozy. Silvio Berlusconi xa apuntaba maneiras e alopecia, mentres que Angela Merkel aparece máis discreta nun contorno natural.
Uns novísimos Ahmadinejad e Putin, ou a despreocupada mocidade de Rodríguez Zapatero, son outras das máis ou menos insólitas imaxes que se inclúen na recompilación, xunto coa voda de Robert Mugabe e o pasado do australiano Kevin Rudd.