Recibiu o premio á mellor autora teatral en galego por 'Dáme veleno', nunha insólita gala, despois de que se filtrasen previamente os gañadores.
Ánxeles Cuña recibiu este luns o premio Max á mellor autora teatral en galego por Dáme veleno, montaxe posta en escena por Sarabela Teatro. A edición deste ano viviuse dun xeito insólito, pois, por un erro, a entidade organizadora, a SGAE, filtrou os nomes dos gañadores antes da gala en si. A piques de embarcar nun avión, falamos coa autora gañadora.
Vieiros: Como reaccionou ao premio?
Ánxeles Cuña: Recibímolo como se o mundo se puxese patas arriba. Houbo unha filtración, así que recibimos felicitacións antes da entrega, pero o premio foi igualmente emocionante. O premio, con toda xustiza, dedícollo ao equipo de dramaturxia de Sarabela. Levo 15 anos escribindo. Deste equipo perdemos a Carlos Couceiro e a Begoña Muñoz. Aínda que eu fixen cousas con moitos autores, o meu banco de probas foi a compañía. Non podería escribir sen eles. Dedícollo tamén a todos os actores e actrices que participaron en Dáme Veleno. Tivemos un nivel de comunicación extraordinario. A obra é unha aposta por un autor que soña e que defende o dereito á vida e a unha morte digna.
Como valora os outros finalistas?
Os premios son significativos cando son merecidos. A verdade é que non o esperaba. Estaban Cándido (Pazó), Xurxo (Rei) e Roberto (Salgueiro), compañeiros de profesión que respecto e admiro moito. Foi unha oportunidade excelente para dedicarlle o premio a Begoña (Muñoz), pola sua defensa da muller, da conciencia de país, da lingua, da creatividade... aínda que non estea fisicamente, moralmente deixou unha herdanza total. Pero o premio non é só meu, é de moita xente que aposta por termos un teatro intenso e vivo.
E despois do premio, xa pensa nalgunha nova obra?
Moitas obras escribímolas xuntos. En solitario, fixen dúas, e espero a medio prazo completar unha triloxía. A primeira foi Margar no pazo do tempo, sobre a exclusión. Dáme Veleno trata sobre a bioética e sobre esa necesidade que temos de optar por unha vida creadora, na que hai soños e onde o que pervive é a dor e a inxustiza, pero podemos soñar coa utopía. A terceira obra trataría sobre a bioxenética. Con Sarabela xa comezamos mañá a representación das obras, tanto para nenos como para adultos. Así, A Esmorga segue rodando. Está conectando xenialmente co público. Empezamos a nova montaxe infantil e entre xuño e setembro teremos a nova de adultos. Aínda non podo adiantar nada. En 15 días saberemos se é viábel. É moi ambicioso e arriscado, cunha liña de traballo moi completa e cun equipazo que soporta tod isto. Despois, en outubro, acudiremos ao Festival Internacional de Teatro. É o que temos en vistas.