Agnès Jaoui, Isabel Coixet, Carin Bräcke, Patricia Ferreira e Bina Daigeler disertaron esta quinta feira en Compostela sobre o 'cine feminino'.
Cartaz do encontro internacional
As mulleres do mundo do cine reunidas esta quinta feira en Compostela no II Encontro Internacional da Asociación de Mulleres Cineastas e dos Medios Audiovisuais (CIMA) non só se preocupan pola escasa representación do seu sexo no sector, senón pola imaxe que se ofrece del nos relatos cinematográficos.
Para a directora francesa Agnès Jaoui, que outorga moito "poder" aos "modelos que vehiculan os medios", os filmes deben deixar de mostrar "clixés" para representar mulleres reais, xa que "o cine ten o poder de acelerar" o cambio.
A madrileña Patricia Ferreira tamén cre que nas producións audiovisuais "non aparecen os modelos que a sociedade debe seguir". E a catalá Isabel Coixet considera que "existe un cine dominante onde hai uns estereotipos pon ganas de vomitar".
A sueca Carin Bräck mostrou a súa "estrañeza" polo problema da conciliación familiar, xa que os nenos teñen "pai e nai", polo que o "único" inconveniente que se podería expor é se ambos os dous proxenitores traballasen á mesma hora.
Pola súa banda, a deseñadora de vestiario alemá Bina Daigeler chamou a atención sobre o "interesante" de poder coñecer neste encontro -que remata este venres- visións de mulleres doutros países sobre a súa situación no mundo do cine.
'Carta de Compostela'
O obxectivo da xuntanza é crear unha rede de mulleres do audiovisual europeo e elaborar un documento que se denominará Carta de Compostela, en que haberá diversas propostas sobre o futuro inmediato do sector feminino e servirá como documento fundacional.