Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reivindicación cidadá

A lei de servizos sociais, ferramenta pendente de desenvolver

Unha ampla plataforma social critica que o actual Goberno acumula un feixe de incumprimentos ao tempo que erosiona o sistema público.

Redacción - 13:15 11/05/2010

Nos últimos meses acelerouse a concienciación colectiva de persoas, entidades e responsábeis políticos e sociais diversos sobre a necesidade de defender o sistema público de servizos sociais. Así o cren desde a bautizada Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais, que a día de hoxe suma xa un total de 94 entidades, entre outras: 36 concellos, 46 asociacións variadas (federacións veciñais, colectivos sociais e culturais) e outras 12 entidades, desde colexios profesionais a partidos políticos, pasando por formacións sindicais. A maiores, medio milleiro de persoas asinan tamén a título individual o lanzamento desta rede cidadá.

Desde a súa creación a comezos deste 2010, a Plataforma xa acumula abondoso traballo, con actos públicos en denuncia da privatización de centros de día nos concellos de Rois, Begonte, Culleredo e Porriño, na que consideran que foi unha "primeira vaga privatizadora" da Xunta. Tamén lle achegaron ao Parlamento de Galicia unha suxestión concreta para o deseño dunha proposición non de lei e unha moción que recolla os principios e demandas presentes no documento-base de creación da plataforma. Ademais, estiveron presentes nas mobilizacións dos traballadores do Consorcio Galego de Servizos Sociais e, entre outros, promoveron un masivo acto público o pasado mércores día 5 de Maio en Vigo.

Na liña do seu obxectivo declarado de "desenmascarar as actuacións privatizadoras e contrarias á lei" das que responsabilizan ao Goberno, a plataforma realizou esta terza feira un acto informativo no Rexistro Xeral da Xunta, en San Caetano, no que presentaron unha nova solicitude de entrevista coa Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, para achegarlle o documento-base desta Plataforma que reivindica o desenvolvemento normativo da Lei de Servizos Sociais de Galiza en vigor dende o mes de marzo de 2009. Unha lei que, denuncian, "presenta neste momento un elevadísimo grao de incumprimento respecto aos prazos que establece a propia norma".


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: