O sindicato advirte que non se está indo ao miolo dos cambios necesarios para frear a crise "e evitar que se reproduza".
Modificación das políticas fiscais con incremento dos impostos directos sobre as rendas máis altas, recuperación do imposto de patrimonio, combate aos paraísos fiscais, loita contra a fraude fiscal centrada no empresariado e profesións liberais... Son algunhas das propostas que a CIG veu realizando e que aproveitan para recordar esta cuarta feira ao fío do anuncio realizado polo presidente do goberno español no Congreso.
Na opinión de Xesús Seixo, secretario xeral da CIG, as medidas presentadas por José Luís Rodríguez Zapatero van xustamente na dirección contraria ao recomendado polo sindicato. Lembra Seixo que o propio executivo estatal ten recoñecido que as pensións non só son baixas senón que no caso galego son as máis baixas do Estado. "É redundar no recorte de dereitos precisamente naqueles sectores que xa de por si son os que están pagando as consecuencias máis duras da crise económica", avalía o responsábel da CIG ao respecto da estratexia anunciada polo executivo estatal.
"Hai moitas cousas que facer vía ingresos para controlar o déficit público sen recorrer ao recorte do gasto público, fundamentalmente de carácter social", insisten desde a CIG. Segundo Seixo, as medidas decididas polo goberno español demostrarían que "quen dirixe a política económica dos estados é, precisamente, ese capital financeiro e poñen de manifesto a covardía e incapacidade do goberno para afrontar reformas estruturais imprescindíbeis non só para frear a crise, senón mesmo para evitar que se reproduza, se cadra con máis crueza".