Empregan rápidas pulsacións de luz imperceptíbeis para o ollo humano, aínda que empregan o espectro visíbel.
Un equipo de investigadores chineses desenvolveu unha tecnoloxía de transmisión de datos que podería revolucionar as pequenas redes sen fíos. A tecnoloxía emprega LEDs para transmitir información, dun xeito imperceptíbel para o ollo humano e que se poida mesmo integrar no sistema de iluminación doméstico.
As pulsacións de luz dos LEDs, mediante unha alta frecuencia, permiten eliminar calquera tipo de impacto electromagnético dos outros sistemas empregados até o momento. Os científicos conseguiron acadar unha velocidade de transferencia de 2 Mbps, que demostraron amosando un portátil conectado á internet mediante ese sistema.
Os investigadores chineses aseguran que o sistema tamén se pode empregar para actualizacións automáticas da hora en reloxos, sistemas de aviso, domótica ou manexo de impresoras.