Os traballadores consiguen parte das súas demandas laborais e a readmisión de tres compañeiros despedidos.
Durante trece días, os traballadores da limpeza de Santiago mantiveron un forte pulso coa empresa Urbaser. Logo de momentos de tensión e coas rúas ateigadas de lixo, a última hora da tarde do venres chegou o acordo entre as partes.
Urbaser asinou un convenio para catro anos no que se contempla a suba do IPC e a obrigatoriedade de que os traballadores teñan, como mínimo, unha fin de semana de libranza ao mes. O punto máis complexo foi a readmisión dos tres traballadores despedidos durante o conflito. Finalmente, a empresa aceptou a súa incorporación inmediata.
Dende o Concello de Santiago agardan que a normalidade volva ás rúas axiña. A empresa Tragsa apoiará durante a fin de semana aos traballadores de Urbaser para tratar de sacar todo o lixo antes do luns.