Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
V ASEMBLEA FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN

A defensa do inmigrante, máis necesaria que nunca

Máis de 200 persoas das diferentes organizacións sociais reflexionaron en Ferrol sobre o traballo asociativo e denunciaron a continua criminalización dos que chegan de fóra.

Redacción - 12:00 30/05/2010
Imaxe dunha Asemblea do Foro Galego da Inmigración

Imaxe dunha Asemblea do Foro Galego da Inmigración

Baixo o lema 'Repensar a nos práctica asociativa' o Foro Galego de Inmigración celebrou en Ferrol a súa V Asemblea. Neste contexto, máis de 200 persoas do ámbito asociativo galego reflexionaron sobre o funcionamento das súas entidades e a súa participación social e propuxeron alternativas para atender mellor os migrantes. “O fenómeno migratorio pasou de ser algo novo a unha realidade plena en Galiza”, di Miguel Fernández, portavoz do Foro, quen adiantou que, polo feito de selo, os inmigrantes son continuamente “criminalizados”.

Esta xuntanza serviu tamén para facer balance do último ano de traballo e para manter vivas as exixencias do colectivo. Entre as súas principais demandas subliñan “ a loita contra o cambio da Lei de Estranxeiria; contra a persecución das persoas inmigrantes en situación irregular; apoio á despenalización do top-manta; alternativas á actual política en temas de inmigración da Xunta de Galiza; denuncia de actuacións discriminatorias contra o colectivo ou o posicionamento contra a tentativa de limitar o empadroamento de persoas en situación de irregularidade administrativa”.

Asemade, no seu manifesto final, dende o Foro fixeron un chamado para que políticos e medios de comunicación non contribúan a estender o estigma que xa pesa sobre o colectivo inmigrante. Reproducimos aquí o seu manifesto:



MANIFESTO DA V ASAMBLEA GALEGA DE INMIGRACIÓN E EMIGRACIÓN DE RETORNO

A celebración desta V Asemblea do Foro Galego de Inmigración xunta as nosas experiencias coas da sociedade Galega e, á vez, é un medio onde reivindicar os nosos dereitos.

Nós, mulleres e homes de todas as crenzas, de todas as tendencias políticas e de calquera cor de pel, inmigrantes, fillos de inmigrantes, emigrantes retornados; cidadáns conscientes do achegue esencial da inmigración neste país, rexeitamos as declaracións e as resolucións de certos responsables políticos que estigmatizan e criminalizan ao colectivo migrante.

O tratamento informativo que dende os diversos medios de comunicación se fai ao redor da inmigración e, á súa vez, a resposta institucional, concretamente dos corpos e forzas de seguridade do estado. Son os desencadenamentos dunha reacción de parte da cidadanía, para rexeitar e denunciar o trato que se nos fai ás persoas migrantes, e as consecuencias que isto trae ás nosas vidas: a persecución, detencións ilegais, ordes de expulsión e demais medidas represivas, son unha clara violación dos dereitos humanos das persoas migrantes.

A creación dos Centros de Internamento con graves medidas de seguridade, amoreamento e malos tratos, traen gravísimas consecuencias até chegar a casos de suicidio.

Queremos que a inmigración se vexa como:

Un enriquecemento cultural, lingüístico, social e económico para a sociedade de acollida.
O dereito a que todas as persoas poidamos movernos libremente por calquera territorio sen fronteiras e sen normativas
Non hai integración nin cidadanía posibles sen garantir o pleno acceso aos dereitos laborais, sociais e políticos para todas as persoas.

A nosa acción cidadá ten como obxectivo pór en valor o achegue de cada un de nós á prosperidade xeral. Temos todo o poder de actuar sobre o noso rumbo. Entón actuemos !


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: