Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
EN GALIZA

Baixo seguimento da folga da función pública

Os sindicatos cifran entre un 50 e un 60% o seguimento do paro, as administracións reducen esta porcentaxe a pouco máis dun 10%.

Redacción - 19:50 08/06/2010
Manifestación da CIG en Ourense

Manifestación da CIG en Ourense

Este martes 160 mil funcionarios galegos estaban convocados a un paro xeral contra os recortes salariais que impuxo o mes pasado o goberno español para reducir o déficit público. A xornada transcorreu con poucas incidencias e o maior conflito deuse na guerra de datos de participación.

As cifras de balance da folga en Galiza ofrecidas polos sindicatos oscilan entre o 50% de seguimento que di a CIG e o algo máis do 60% que aseguran sindicatos como UXT. Porén, fontes dos representantes dos traballadores recoñecían que a incidencia da folga fora menor da que cabería esperar. Unha das razóns principais é a “dificultade para mobilizar á xente cando xa se aplicaron os recortes e os funcionarios cren que non hai nada que facer”. Outra dos razoamentos dos convocantes eran os “abusivos” servizos mínimos decretados en determinados sectores, como o sanitario.

Pola súa parte, dende a Xunta sinalaban que dos 92 mil traballadores dependentes de San Caetano secundaran o paro un 10,54%. A nivel do Estado Español os sindicatos aseguran que a porcentaxes de traballadores que acudiron á folga foi dun 75% mentres que o executivo de Rodríguez Zapatero reduce a cifra a un 11,8%.

(12.15 horas)
Ás 11 horas da mañá a UXT estimaba que un 61,1% dos 160 mil traballadores da función pública que hai en Galiza estaban a participar na folga convocada polos principais sindicatos. Por administracións, este sindicato en 54,4% o seguimento dos empregados dependentes da Xunta; nun 67% os dependentes do goberno español; nun 61% na administración local; e nun 59,7% no servizo postal.

(10.45 horas)
A función pública galega secunda dende primeira hora da mañá unha folga que están convocada en todo o Estado Español. No noso país, UXT, CIG e CC.OO lideran as mobilizacións e chamaron a secundar o paro aos perto de 160 mil traballadores públicos (máis de 90 mil dependentes da Xunta) das diferentes administracións. Os sindicatos queren protestar así contra a decisión de recortar unha media dun 5% os salarios dos empregados públicos.

Os primeiros datos apuntan a un seguimento desigual da folga no noso país, que estaría a ser un pouco maior na administración local. Aínda así, os sindicatos xa están a protestar contra servizos mínimos que en sectores como a sanidade afectan á práctica totalidade do persoal. Polo de agora non houbo incidentes de importancia.

A nivel estatal, UXT e CC.OO cifran o seguimento da folga ás 8 horas da mañá en perto do 80%, o goberno español reducía a cifra a un 15%.

Concentracións

Os sindicatos convocaron concentracións de traballadores públicos en distintas localidades galega. Así na Coruña, Vigo, Ourense e Ferrol terán lugar ás 12 horas. En Pontevedra as mobilizacións comezarán ás 10, en Lugo ás 11.30 e en Vilagarcía ás 20 horas.


4/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: