O director xeral da compañía, Sánchez Izquierdo, foi acusado de integrar “o pelotón de fusilamento contra o galego”. O BNG propuxo a elaboración dun plan estratéxico.
“A CRTVG forma parte do pelotón de execución do galego”. Con estas verbas, o deputado socialista, Ricardo Varela, acusou ao director xeral da televisión e radio pública, Afonso Sánchez Izquierdo, de integrar este grupo contrario á nosa lingua, un colectivo que estaría comandado polo propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.
Na comparecencia parlamentaria de Sánchez Izquierdo, o socialista criticou o tratamento que recibiu por parte dos medios públicos o informe do Consello Consultivo sobre o decreto do galego, que cualificou de “parcial”. Segundo confirmou o propio director xeral, no mesmo día no que se procedeu á votación, a TVG só recolleu declaracións do conselleiro de Cultura, Roberto Varela, e “agardaron 24 horas para pulsar a opinión da oposición”, apuntou Varela, “seguindo as instrucións da Xunta”.
Pola súa parte, Sáchez Izquierdo defendeu que os informativos “deron un tratamento correcto” a esa información e xustificou que se agardara ao día despois en que “os medios públicos non poden basear as súas informacións en filtracións, como si fixeron a maioría dos medios escritos”.
Evitar a caída da audiencia
O BNG, da man do seu deputado Anxo Quintana, propuxo asemade que “se elabore un plano estratéxico de actuacións para frear a caída de audiencias da CRTVG e garantir que a compañía poida ser competitiva”. Quintana afirmou que “malia que non é o único parámetro para avaliar o resultado da programación, as cifras que se coñecen son moi preocupantes, sobre todo no que atinxe ao prime time e tamén aos informativos”.
Concluíu asegurando que “non hai que facer sangue cos resultados senón tentar mirar para o futuro e adoptar medidas con esta perspectiva, tendo en conta que a especificidade da programación dunha televisión publica como a galega é a súa mellor arma para facerse co fiel nicho de mercado dentro dun mundo competitivo”.
Comparecencias CRTVG
Doutra banda, tamén se acordou o calendario de comparecencias previstas para o mes de xullo na Ponencia conxunta de modificación do marco legal da CRTVG e das súas sociedades. Velaquí o calendario e as intervencións previstas:
Día 1, ás 12:00 horas:
-Representante do Consello da Cultura Galega
Día 6, ás 10.30 horas:
D. Manuel Lago Peñas ex responsable económico da CRTVG (10.30)
D. Miguel Rodríguez Barrio, Director de Planificación e Administración Xeral da CRTVG (11.30)
D. Luís Caramés Vieitez. Integrante do grupo de expertos para a reforma da Radio televisión publica galega (12.30)
Día 8, ás 10.00 horas:
-Coordinadora Galega de Asociacións do Audiovisual (10.00)
- D. Ramón Domínguez . Presidente da Asociación de empresas galegas do audiovisual (11.00)
- D. Antonio Varela. Integrante do grupo de expertos da reforma da televisión e radio publica galega (12.00)
-Asociación galega de produtoras Independentes (13.00)
Día 13, ás 10.30 horas:
-Representantes dos traballadores:
Representante do Comité de Empresa RTVG (10.30)
Representante da CUT ( candidatura unitaria de traballadores ) (11.30)
Día 14, ás 10.30 horas:
-Ex directores xerais da CRTVG:
D. Benigno Sánchez García (10.30)
D. Francisco Campos Freire (11.30)
Día 15, ás 10.30 horas:
-Colexio de Xornalistas (10.30)
-Asociación de Prensa ( (11.30)