A Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais lémbralle ao Goberno que ten a obriga de desenvolver os servizos públicos.
Primeiro foi o “desmantelamento das oficinas comarcais de servizos de igualdade e benestar; seguiu o proceso, aínda en marcha, de privatización dos centros construídos con fondos públicos; e continúa coa disolución do Consorcio Galego constituído pola Xunta e cada un dos concellos de Galiza que decidiron participar de forma consorciada”. Así enumera a Plataforma en Defensa do Sistema Público Galego de Servizos Sociais os pasos dados pola Xunta de Galiza en materia de servizos públicos, unha política que resumen nunha única palabra: “desmantelamento”.
Este colectivo, composto por 94 entidades de diversa índole (36 concellos; 46 entidades sociais, dende asociacións e federacións veciñais, asociacións e federacións do ámbito da dependencia, da exclusión social ou sociosanitario; e outras 12 entidades entre colexios profesionais, sindicatos e partidos políticos), manifestouse este venres en Compostela. Fixérono en paralelo á celebración da Asemblea na que o Goberno disolveu o Consorcio Galego de Servizos Sociais para crear a chamada Axencia Galega de Servizos Sociais.
Con esta protesta, a Plataforma lembroulle á Xunta que “ten a obriga de desenvolver o sistema público galego de servizos sociais considerado na Lei 13/2008 de Servizo Sociais de Galiza como un sistema público ao mesmo nivel que os sistemas educativo, sanitario ou da seguridade social, constituíndo o cuarto piar do benestar”. Denunciaron asemade a supresión do Consorcio e alertaron que se rachará co carácter público e universal dos servizos públicos sociais en Galiza.