Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

O quid da política lingüística

10:51 01/06/2009

Coma sempre, a realidade vén complexa e cargada de asuntos múltiples. Porén, nesta sección d’A cerna do Xalundes imos porfiar na cuestión da lingua. Así o facemos por considerar que vivimos un momento clave que decidirá o futuro do idioma galego e, xa que logo, as súas posibilidades de supervivencia.

Alvin Toffler, autor do coñecido tratado “A terceira onda”, xa advertía que “formular unha pregunta correcta era ben máis relevante que dar unha resposta correcta a unha pregunta equivocada”. Na convición de que ó respecto da lingua galega, abondan tanto as respostas incorrectas como as preguntas equivocadas, propoñemos unha serie de interrogantes que, entendemos, haberían de facerse aqueles con responsabilidade sobre a política lingüística do País; cuestións, en calquera caso, con vontade de incitar á reflexión:

Por que o idioma catalán é bo e válido para estudar Física ou Matemáticas e a lingua galega non o é?

Por que o idioma catalán é bo e válido para desenvolver proxectos científicos e teses doutorais e a lingua galega non o é?

Por que o idioma catalán é bo e válido para canaliza-la maioría das operacións e a comunicación das empresas e a lingua galega non o é?
 
Por que o idioma catalán é bo e válido para artellar canles de televisión especializados en economía e finanzas e a lingua galega non o é?

Por que o idioma catalán é bo e válido como instrumento de expresión de rapaces e mozos (incluíndo os xogadores do último campión de Europa de fútbol) e a lingua galega non o é?

Por que o idioma catalán constitúe a base sobre a que se asenta a sociedade de Cataluña e a lingua galega está en transo de desaparición na sociedade de Galicia?

As respostas ás preguntas anteriores pasan necesariamente polo deseño da política lingüística, que en Cataluña foi decidida e visionaria mentres que en Galicia resultou coitada e dubitativa. E pasan tamén pola actitude da cidadanía, que en Cataluña se amosa orgullosa da súa cultura e segura do valor integrador da súa lingua mentres en Galicia continuamos na busca do sentido existencial da nosa propia identidade.

Hai que decidirse. Unha parte da nosa sociedade non considera esencial preserva-lo idioma propio. É lóxico: levan décadas –séculos en realidade– tratando de nos convencer de que a nosa lingua carece de valor comunicativo e cultural, que representa un refugallo etnográfico e nunca un elemento esencial da personalidade propia. A nova política lingüística pode decantarse por segui-la senda desa parte da nosa sociedade ou, polo contrario, por emprender o que nunca se fixo: un labor pedagóxico sobre os valores e beneficios de ter, coidar, amar e difundir a nosa lingua galega.

Unha derradeira pregunta: Alguén imaxina unha Galicia sen lingua galega? Se cadra, algúns.

4,19/5 (48 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións