...concelleiro no Concello d'A Coruña e deputado do Parlamento Galego
Prezado señor Negreira: Escríbolle para lle falar de algo que non se deu e que vostede sabía que non se había dar: que o pleno do Concello d’A Coruña aprobase a súa proposta de modificación da Lei de Normalización Lingüística no tocante ao topónimo d’A Coruña, o que non quere dicir que vostede non vaia continuar co asunto, xa coñece vostede o conto da petaca, non si? Pero aínda así podemos supor que vostedes, os negacionistas do galego, leven ao parlamento unha proposta de reforma da Lei de Normalización Lingüística. Con que votos pensan levala adiante? Cos do seu grupo parlamentario e nada máis? Como ben sabe, isto podería suceder e con iso soña vostede. E é máis, sería democraticamente incuestionábel, legalmente impecábel, pero moralmente? Sabe de que lle falo, non si? Fálolle das condutas rexidas por conceptos que están por enriba das leis escritas e que procuran o ben.
Vostede, o señor Feijoo e todos os membros do seu grupo, cren de verdade que teñen lexitimidade moral modificar por maioría (e ben cativa neste caso) unha lei aprobada por unanimidade? Olle que non lle digo que non poida ser modificada, todas o poden ser, pero unha conduta moral obriga a facelo coa mesma lexitimidade coa que foi feita a lei. Outro comportamento é inmoral e convérteos a vostedes, por suxeitos activos dun feito inmoral, en persoas inmorais. Fíxese que non digo amorais , que iso sería tanto como dicir que non se ateñen a moral ningunha, o que digo é que saben que o seu comportamento vai contra a moral, mesmo contra a de vostedes mesmos, que acusan ao bipartito de romper o consenso co Decreto 124/2007. Non estou dicindo que todas as leis e decretos teñan que seren aprobados por unanimidade, senón que non se toquen os unánimes se non é co mesmo consenso. Aínda que neste caso, no do Decreto 124/2007, conviña que leran as declaracións, están nas hemerotecas, (hai máis ca que lle poño aquí) da súa ponente no asunto, Manuela López Besteiro, que pasou do si ao non sen que se lle mudase unha coma ao texto. Parece ser que despois dunha consigna recibida das anchas terras. Pero o certo é que non se aprobou por unanimidade.
E tamén é un fenómeno de interpretación moral (en termos de Nietzsche) que vostede e o señor Losada anden a xogar con isto para rañar do fondelo do saco dos votos unha presiña de papeletas anexas. Vostede, que ve ao señor Losada con frecuencia, desengáneo, dígalle que eses xa os ten vostede conquistados, non polo asunto do topónimo, senón polo do “coruñesismo de pro” de Millán Astray. Porque sonlle os mesmiños. Se algún outro había xa o axotou de vez.
Non fagan iso. No se baixen nin se arrastren na lama da indignidade por obter un voto conseguido na miseria moral de dividir á sociedade, de proseguir co enfrontamento que quixo crear un enfermo de soberbia para alimentar a súa propia doenza. Todo canto se estabeleceu por consenso, é de supoñer que se fixo da mellor das formas posíbeis, por máis que seguirá a haber persoas desconformes tamén coas normas unánimes. Pero por que no canto de alagalas non lles lembran que esa unanimidade parlamentaria está máis perto do que quere a sociedade do que o está a súa postura teimuda? Iso é o que eu lles pediría neste caso, que non rompan a promesa implícita da unanimidade, pensen que só os miserábeis están a gusto na miseria. Que queren deixar na historia? A lembranza de que había unhas poucas cousas feitas por unanimidade e que vostedes acabaron con elas?
Saúde ao Sr. Feijoo da miña parte e fálelle do asunto nestes termos eu lle expoño. Que sei eu? A xente cambia tanto!
Atentamente.
Xabier P. DoCampo
Xabier P. Docampo naceu en Rábade en 1946. Mestre e escritor. »