Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier P. Docampo

Carta aberta a don Anxo Lorenzo

18:12 15/03/2010

(Cómplice necesario da afrenta que se lle vai facer á lingua galega)

Sr. Lorenzo: Acabo de ler as súas desafortunadas declaracións en Faro de Vigo e La Opinión. Por certo, constato que ou fai estas declaracións á prensa en castelán ou non é capaz de esixir, como cómpre tendo en conta o seu cargo, que sexan publicadas en galego; se cadra, ten que facer méritos para lle demostrar  a ben sabemos quen, que xa é un bo converso. Logo de lelas, debo dicirlle que vostede mente; ou sexa, di algo que sabe que non é certo co ánimo de enganar aos galegos e ás galegas. E antes de continuar, voulle demostrar que isto é así.

Di vostede que “El problema es que no existe cobertura legal para obligar a nadie a hablar o escribir en gallego. Esto ya lo advirtió el Consello Consultivo en 2007”. Vostede coñece, é imposíbel que o ignore, que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na súa sentenza 1084/2007, rexeita o ditame do Consello Consultivo de Galicia e declara que é perfectamente legal que “Nas áreas, materias ou módulos impartidos en lingua galega, o alumnado utilizará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións oral e escrita.” Por non falar das numerosas ocasións en que o Tribunal Constitucional avalou a pertinencia desta utilización nas aulas, como vía para a súa aprendizaxe.

Dicir o contrario é mentir e, por aquilo de que quen fai un cesto fai un cento se lle dan varas e tempo, dedúcese que dun mentireiro pouco máis podemos agardar que mentiras.

Di vostede “La ley no permite obligar a hablar gallego”. Pode, daquela, a lei obrigar a aprendelo nas clases de galego? Pode obrigar a lei a aprender a táboa de multiplicar? O que se aprende e usa na escola ten que estar explicitamente escrito na Constitución? Se a competencia nunha lingua só se adquire utilizándoa, como a han adquirir logo? Acaso por ciencia infusa? Son vostedes un fato de mentireiros e uns trapalleiros. Entregaron a súa alma ás minorías negacionistas cunha obscenidade escandalosa.

O seu decreto está envolto na mentira, na falsidade dos datos e das expectativas. Está feito sabendo que os alumnos e alumnas de familias castelán falantes nunca acadarán unha competencia mínima en galego. Está, pensado desde os privilexios de clase, feito para satisfacer os desexos antigalegos dun sector dos pais do alumnado do ensino privado (o de concertado non é máis que un uso indebido de medios públicos, mentres obriguen por vía de achegas “voluntarias” a pagar unha cantidade mensual complementaria).

Sr. Lorenzo, vostede, ao se facer reo voluntario da política etnocida do Sr. Feijoo, saberá canto lle pagou a pena botar pola xurreira abaixo unha carreira profesional merecente de todo respecto. Agora só fica para vostede a indignidade de ser, en complicidade con Falange Española de las JONS (vostede escribiu este decreto ao ditado do que eles demandaron en Compostela en febreiro de 2009), quen pasará a historia como a persoa que defendeu o maior ataque legal contra a lingua propia de Galicia desde Francisco Franco (que tamén era “gallego y de Falange”).  Lamento moito ter que dicilo, pero a súa traizón cóbreo de indignidade. O seu cometido e desexo non foi nunca, agora o entendo, o de estabelecer un marco legal que substituíse ao mesmo decreto 124/2007 que defendeu publicamente; vostede foi encargado de lle dar unha aparencia científica e legal á mentira, o engano, a traizón. Non teño xa que escoller ningún cualificativo para lle aplicar, dedúcense doadamente do seu proceder.

Pero, de todos os xeitos, permítame que lle diga que aínda podería recuperar en boa parte a dignidade perdida (só os que nunca a tiveron non poden recuperala). Dimita. Abandone o barco onde xa só fican ratas. Déixeos sos. Dígalles que vostede non pode amparar semellante barbaridade, que non pode traizoar unha institución que, antes ca vostede, ocuparon outros e, uns máis e outros menos, todos foron facendo cousas, sempre avanzando por pouco que fose. Dígalles que non quere ser lembrado como único responsábel de Política Lingüísitca que fixo retroceder o galego nos seus dereitos. Que o fagan eles se queren, non se suicide socialmente, regrese á comprensión dos seus que, máis tarde ou máis cedo, sempre han entender que foi capaz de ter dignidade á última hora. Destes só pode agardar que o deixen tirado na cuneta (estilo falanxista) cando pensen que xa non lles serve. É difícil, pero mentres non estea o decreto no DOG sempre estará a tempo de merecer o respecto dos galegos e das galegas de hoxe e de mañá.

Despois xa nunca o poderá ter. Máis tarde ou máis cedo o seu decreto tamén será derrogado, cambiase por outro e deste só ficará a ignominia.

En calquera caso, non siga a mentir, que nin vostede nin eu nacemos onte.

4,88/5 (121 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: