Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xavier Queipo

Trío de ases

18:32 20/06/2007

Como cada ano logo que rematan as celebracións do Día das Letras Galegas ábrese a veda para as propostas do ano seguinte. Asociacións culturais, grupos de amigos ou admiradores, valedores de tal ou cal escritor ou académicos que teñen estudiado en profundidade algún autor específico, propoñen candidaturas. Eu téñome manifestado en repetidas ocasións en contra de lle adicar o Día das Letras Galegas a un autor morto, por razóns abondas que non vou agora repetir. Mais semella que os ventos de cambio non comezaron xiflar aínda entre a intrincada floresta dos corredores da Academia, antítese do castelo de Helsinor, o lugar máis venteado do mundo.

Postos a propoñer (aceptando a ditadura da realidade e sen deixar de termar a contrario) quixera facer eu a miña proposta non-canónica, por ver se o debate supera os límites habituais de conformismo. Hai tres poetas galegos falecidos nas dúas últimas décadas do século XX merecentes os tres dunha homenaxe nacional (que esa e non outra cousa é o Día das Letras). Citareinos por orde de nacemento: Fiz Vergara Vilariño (1953-1997), Lois Pereiro (1958-1996) e Eusebio Lorenzo Baleirón (1962-1985). Todos tres deixaron pegada singular na poesía galega. En 2008 cumpliran os tres a condición establecida pola Academia de ter falecido dez anos antes de que se lles ofreza o recoñecemento público como agasallo póstumo.

Existe un antecedente de adicar o Día das Letras a varios autores ao unísono, como foi o recoñecemento dispensado en 1998 aos Poetas Medievais da Ría de Vigo: Martín Códax, Johan de Cangas e Meendinho. Por aí non hai dúdida. Se pensan que a personalidade dalgún deles pode verse mermada pola prefencia que os biógrafos/reseñadores lle dispensen a algún deles en particular, o contra argumento é que así non teremos que sufrir tres ou catro libros (algún deles prescindíbel) adicados ao mesmo autor como cada ano acontece con precisión, e ademais, os nosos académicos e profesores universitarios terán un campo de traballo máis rico tendo en conta a extensión e a variedade da obra de cada un destes autores.

Darase así unha idea da literatura galega, e máis en particular da poesía dos últimos anos do século XX, como algo plural, recente, case vivo aínda. Outra vantaxe é que unha gran parte da súa parentela directa estará viva aínda e poderán gozar e orgullarse coa homenaxe triple. Poderán asimesmo dar testimonio deles e aportar sen dúbida materiais de estudo (manuscritos, orixinais, fotos inéditas, documentos) que o paso do tempo vai espallando cando non destruíndo de xeito irremediábel. Outro efecto colateral sería que Samos, Monforte de Lemos e Dodro –lugares de nacemento correspondentes aos poetas citados- serían revitalizados como focos de cultura, recibindo a necesaria acupuntura de incremento de medios e orzamento (Que lles parece aos alcaldes respectivos?).

A proposta está no aire. Se algún académico se digna darlle pulo pois benvido sexa. Eu xa lancei a pedra e xa ven que non agocho a man.

4,33/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xavier Queipo

Xavier Queipo naceu en Santiago de Compostela en 1957. Biólogo, escritor e tradutor, ten publicado varias novelas e libros de relatos, entre eles, "Diarios dun nómada", "Contornos: Apuntes de filosofía natural" e "O ladrón de esperma". A súa última obra literaria é "Dragona". Traballa en Bruxelas como técnico experto en cuestións de pesca. »



Anteriores...