Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xavier Queipo

Queremos mentiras novas

11:50 07/03/2008

Cada vez que se anuncian unhas eleccións comeza o baile de promesas. A min sáeme un sarabullo que proe terribelmente e teño que almorzar cada mañá con pílulas antihistamínicas para poder soportar o día sen escándalo

Xa saben, uns prometen baixar os impostos e outros unha remuneración especial para os pensionistas, uns anuncian unha mellora nas condicións de acceso á sanidade pública e outros contraatacan cunha reforma do sistema educativo. Uns enarboran a bandeira do laicismo mentres manteñen un embaixador intocábel no Vaticano e outros o pendón da contrarreforma coa promesa de dar marcha atrás en certos dereitos adquiridos polos cidadáns. Todo promesas, as máis delas mentiras. Lembren senón a polca que nos contaron sobre A Cidade da Cultura.

Saben de quen falo con certeza, pois para desgraza do sistema democrático implantado no Estado español, do que de sempre formamos parte pola forza, temos un sistema case bipartito, onde dúas formacións maiores –unha de centro dereita e outra de centro esquerda, segundo definicións propias- levan a parte do león na recolla de votos. A nós como galegos aféctanos pois malia o desexo dunha parte importante da poboación de Galiza e a apatía dunha maioría que se di pragmática, somos parte do Estado e non se entrevé que vaiamos deixar de o ser nun futuro próximo. Aféctanos pois a nosa voz vaise escoitar ben pouco en Madrid cando se tomen as grandes decisións.

Camiñando xa hai uns días pola cidade de Porto, capital dese norte de Portugal que non nos quere, andei á procura dunha pintada na parede que estaba alí, no balo do xardín botánico, na miña visita anterior á cidade que debeu ser no ano 2005. Procureina pois tiña ganas de lle tirar unha placa fotográfica (xa sei o que me van dicir, que son un romántico ou algo peor, mais teño aínda unha cámara analóxica e non a penso tirar mentres continúe a facer unhas fotos magníficas). A pintada tiña unha mensaxe que considero xenial. Dicía: “Queremos mentiras novas”, mais xa non estaba alí e é mágoa, pois resumía moi ben a miña idea para o caso destas eleccións que se achegan: “Queremos mentiras novas”.

Eu vivo aquí, por Bruxelas, onde tamén hai moito de ficción, de hipocrisía e de mentira, mais moito me pracería pasearme por Compostela, a cidade onde están as institucións de Galiza, e ver repetida unha e mil veces a mensaxe que a que hai tres anos vin no Porto: Queremos mentiras novas. Como diría un bo amigo meu: Rapaces, aos vosos sprays.

Por hoxe mais nada, que polo camiño que levo logo din que fago apoloxía da revolución. Quen me dera! Así ao mellor tirabamos do medio a esa panda de ineptos que pensan que por prometer máis van ter máis votos. Sabemos que menten como falan, e eles non saben que o sabemos ou si e nin se inmutan. Máis unha vez: Queremos mentiras novas. Escoitades. Mentiras novas.

4,08/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xavier Queipo

Xavier Queipo naceu en Santiago de Compostela en 1957. Biólogo, escritor e tradutor, ten publicado varias novelas e libros de relatos, entre eles, "Diarios dun nómada", "Contornos: Apuntes de filosofía natural" e "O ladrón de esperma". A súa última obra literaria é "Dragona". Traballa en Bruxelas como técnico experto en cuestións de pesca. »



Anteriores...