Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Iglesias

A tribo dos bos e xenerosos

10:15 18/01/2010

Vivimos tempos de descaste en que os gobernantes abdican da súa responsabilidade, como se “dos propios acentos, tiveran vergonza” – escribiu no seu día Eduardo Pondal.

Un neno escolarizado en castelán durante a educación infantil, que non teña contacto co idioma galego antes dos seis anos, é difícil que manteña unha relación de normalidade coa lingua durante a idade adulta. Este é o mal que aniña dentro do novo decreto do ensino. É unha falsidade relear sobre as cotas reservadas para cada unha das linguas, pois a norma nace desde o devezo de empecer o avance do idioma galego e pretende, de xeito soterrado, prolongar o desprezo polo galego na xente nova, evitando o contacto coa lingua na decisiva etapa da infancia en que nace a conciencia lingüística.   

E non quero negar a liberdade dos pais para transmitir nos seus fillos o odio polo galego, do mesmo xeito que poden estrar o lixo nas rúas ou learse a puñadas diante deles. Pero para tales abusos non poden contar co arrimo das administracións públicas, pois o labor dos gobernantes consiste en dar exemplo e corrixir as eivas producidas pola ignorancia da sociedade.   

A todos os demagogos que invocan a liberdade para ocultar o seu devezo de botar terra sobre a lingua, invítoos a escoitar as voces dalgunhas persoas que decidiron vivir en galego con normalidade e, alén da maior ou menor simpatía que uns e outros espertan; alén tamén das súas traxectorias vitais e políticas, forman parte da mesma tribo: a dos bos e xenerosos, porque elixiron falar na lingua que herdaron dos avós.   

Hoxe quero dedicar esta columna a recordar as palabras escolmadas ao chou, sen devezo de establecer categorías nin máis intencionalidade que a de reflectir o seu amor pola palabra. Porque, como afirma García-Sabell no prólogo á poesía de Manuel Antonio, o único xeito de defender a lingua é escribila e falala. Que máis pode dicirse? 
 
Velaí van as citas e os nomes dos autores:   

Celso Emilio Ferreiro: “Pequenos mequetrefes sen raíces que ao pór a gravata xa non saben afirmarse no amor dos devanceiros, falar a fala nai, a fala dos avós que temos mortos”. Longa noite de pedra.   

Manuel María: “O idioma é o tempo, é a voz dos avós e ese breve ronsel que deixaremos nós”. As rúas do vento ceibe.    
Manuel Rivas: “Hai que darlle unha alegría aos vellos (…/…) Que non saiban da nosa rendición. Que os netos falen a súa lingua”. Mohicania.   

Ánxel Fole: “E non lle parece que hai un pouco de descaste no noso pobo en deixar perder e derramar a súa fala? (…/…) Cada xeración deixa unha gavela de verbas no camiño”. Terra brava.   

Antón Reixa: “Eu non falo o que ti falas, que eu non falo por falar. Pero, mira, xa que falo: en que lingua vou falar?”. O son da lingua.  
 
Darío Xohán Cabana: “As palabras que arrolan son palabras como fogueira, abrente, vento, mar: palabras de Home e Terra”. Home e Terra.  
 
Castelao: “Non esquezamos que se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma”. Sempre en Galiza.  
 
Carlos Penela: “Linguas mortas: Os bárbaros dacabalo de nós / nós mesmos / a seifa, a razzia”. Sombras, rosas, sombras.

Xosé Neira Vilas: “Eladia é moi nova. Terá vinte anos, digo eu. Parece mentira que sexa mestra con tan pouca idade. Naceu en Betanzos. E fala galego connosco. Eu deseguida lle collín cariño. Tan agarimosa, tan rideira”. Memorias dun neno labrego.   

María Xosé Queizán: “Lingua amada / meu señorío / único territorio onde pisar”. Metáfora da metáfora
 
Ramón Piñeiro: “Nós, os galegos, somos unha desas unidades naturais nas que a historia se realiza. Porque somos un pobo dotado dunha lingua e, polo mesmo, dunha cultura, somos unha realidade orixinal dentro do patrimonio humano”. Discurso lido diante da Real Academia Galega.   

Antón Avilés de Taramancos: “E pouco a pouco, foron roubando o espírito da patria. Trabucaron a lingua e os sinais, a esencia mesma do noso ser puxeron na fronteira. Somos iso. Atoutiñamos marcas coñecidas para saber quen somos”. Última fuxida a Harar.   

Uxío Novoneyra: “É xa hora de que sexas, Terra, patria dos teus. Dos que gardaron a fala en que máis se dixo adeus”. Máis palabra.   

Quen dixo que non temos unha lingua fermosa? Quen fala e escribe resiste diante de tanto mequetrefe como os que andan a dar leccións de liberdade.

4,65/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Iglesias naceu no barrio de Monte Alto, na Coruña. É licenciado en Económicas e traballa no eido da formación corporativa. Ten publicado as novelas "O soño do falcón" (2003) e "Daniel e a porta do ceo" (2008). »



Anteriores...