Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xabier Iglesias

Os praceres cativos

09:34 16/03/2010

Adoezo por comer pementos con tortilla de pataca, acompañados de viño da Ribeira Sacra. Cando neno, tamén gozaba co recendo dos libros de texto os primeiros días de escola. Aventaba as follas diante do nariz mentres uliscaba neles. Son cousas que forman parte dos praceres cativos: intres, algúns deles cotiás, que axudan a soportar mellor os momentos menos agradables.

Teño que confesar que experimento outro do praceres cativos cando paseo polas rúas da Coruña e sorprendo unha conversa en galego entre a xente nova. Non é algo habitual. O galego non forma parte dos símbolos onde a xuventude sabe recoñecerse como grupo. Os que si teñen costume de falar galego son os vellos. Pero fálano entre eles, como un código agochado, e cando tratan cos netos ou cos fillos mudan o rexistro lingüístico. Claro que tampouco os vellos teñen a culpa. O éxito dos Bilingües, os que antes acompañaron a ditadura e agora a democracia, consiste en ter instalado entre as capas medias da sociedade a indiferenza pola lingua galega; o cal implica estar un nivel por debaixo hostilidade, pero ao cabo resulta máis prexudicial.

Con todo, a boa noticia está en que todo o mal que podían facer estes Bilingües, fixérono xa. De nada han servirlles as novas agresións, pois a medicina administrada en exceso provoca rexeitamento no organismo e as súas propostas producen o efecto contrario do que eles agardan. Pero non podemos esquecer que todo o veleno transmitido durante anos segue no corpo da sociedade, e a indiferenza pola lingua non desaparecerá malia desaparecer eles.

Resulta curioso comprobar como hoxe en día, cun uso do idioma galego normalizado no sistema educativo, boa parte da xuventude urbana ve na presenza do galego no currículo unha imposición académica, máis que o exercicio dun dereito. Este sentimento abonda na desafección dos novos polo idioma. Cousa que non resulta estraña, pois fóra das aulas, nas cidades, o galego leva camiño de se converter nunha lingua exótica. E a proba témola entre os triunfadores: deportistas ou empresarios por exemplo, onde tamén acabou calando a estratexia do bilingüismo monolingüe.

E tamén os pobos urbanos que rodean as cidades ofrecen idéntica diagnose. Quen visite Oleiros, Cambre, Mera, Sada ou Santa Cruz terá as mesmas dificultades para atopar galegofalantes entre a xente nova como na Coruña ou en Vigo. Xa que logo, con estes antecedentes non é aventurado supoñer que a presenza do galego nas cidades será testemuñal á volta de vinte anos. Todo o máis, acabará reducido ao uso de palabras soltas ou castrapeado en expresións como “un besiño” ou “hasta lueguiño”, que hoxe escoitamos polas rúas.

Quizais haxa quen pense que o meu temor é inxustificado, senón abertamente alarmista. É certo que o galego ten sobrevivido á intolerancia, primeiro, e despois ao desprestixio. Por que non ha vencer tamén contra a indiferenza? Quen sabe. Pero sería unha mágoa non darlle valor ás cousas até perdelas definitivamente.

Entre tanto, faga coma min e goce vostede dos praceres cativos. E non deixe que o amarguen os de sempre.

5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Iglesias naceu no barrio de Monte Alto, na Coruña. É licenciado en Económicas e traballa no eido da formación corporativa. Ten publicado as novelas "O soño do falcón" (2003) e "Daniel e a porta do ceo" (2008). »



Anteriores...