Corría o verán de 1990 e un comando do Exército Guerrilheiro fixera saltar polos aires a oficina do Banco Pastor de Cerceda.
Cos veciños aínda abouxados polo estourido, á capital do concello chegou un equipo de televisión. A carón da sucursal esbandallada un grupo de paisanos falaba en voz baixa do acontecido, coma quen é portador dalgún segredo.
-Poderíanos explicar como viviu o atentado, sospeita quen pode estar detrás?
A xornalista puxo o micrófono diante da boca do señor Cándido sen a penas reparar nel. O vello enterrador, que xa naquela altura beliscaba os oitenta anos, acomodou coa man dereita á boina e quedou uns segundos en silencio. Logo ergueu aqueles ollos dos que nunca marchaba a invernía e dixo moi serio:
-Señorita, este élle un caso de prognóstico reservado..
Fíxose un silencio que semellaba interminable. A locutora seguiu apuntando uns segundos co micrófono a cara do ancián. Logo deixou caer a man, coma se lle pesase un mundo. Sen pedir máis explicacións, fíxolle un aceno ao compañeiro que filmaba a entrevista e foron na busca doutras testemuñas. Cando consideraron que abondaba o material, dirixíronse a un bar próximo para tomaren un café e chamar a Santiago. A enigmática resposta quedou flotando no ar, sen que ninguén se molestase en profundar máis nela.
Aínda hoxe penso que o señor Cándido agardaba unha segunda pregunta que nunca chegou. E é que neste oficio existe unha máxima incuestionable: sempre hai que levar interrogantes na recámara. Máis que nada para non converter os xornais, as radios e televisións en meros arquivos de prognósticos reservados.
Ramón Vilar Landeira (Rodís-Cerceda, 1973). Director de Vieiros. É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Antes de asumir a dirección de Vieiros, traballou como redactor en La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Outra faceta súa é a literaria. Como escritor en lingua galega obtivo diferentes premios de poesía e narrativa. »