Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Ramón Vilar

O urbanismo e os puti-clubs

09:00 17/03/2008

Da desaceleración do mercado inmobiliario xa falan até aqueles que hai poucos meses negaban con vehemencia a súa existencia. Cada vez que me xunto cos amigos acaba saíndo o tema. Uns teiman en que o que se está a ver é só a punta do iceberg mentres que outros defenden a idea de que os pisos subir non van subir pero tampouco van baixar. A liorta está armada e a intensidade do debate é directamente proporcional ao ritmo das cañas. Mais eu, nestes momentos de augurios varios, penso cabreado en quen nos defendeu desta burbulla que a tantos enriqueceu e que agora ameaza con deixar petos esfolados.

Neste país, dende mediados dos 90, non mercar un piso era case sinónimo de ser un pouco parvo ou un ninguén. Póñolles exemplos. Na miña parroquia, contaxiados polo extraordinario andazo do cemento, os paisanos investían os aforros para pagar a entrada dunha segunda residencia en Ordes ou Carballo (os máis afortunados mesmo se atrevían a facer o propio na Coruña ou en Santiago). O negocio redondo corría de boca en boca. Comprabas un piso por 15 millóns e antes de que marchasen del os obreiros xa custaba 18.

Os promotores e construtores de toda a vida viron como de repente se multiplicaba a competencia. A suma de terreos e ladrillos eran a ecuación perfecta cara un ‘pelotazo’ asegurado. Aqueles que tiñan poucos escrúpulos e moito peito aprenderon de seguida que as normas subsidiarias, os PXOM e as áreas de reparto se deseñaban á calor de requintados pratos e riojas gran reserva. Os tratos pechábanse verbalmente nas barras dos puti-clubs, mentres o alcalde ou o concelleiro de Urbanismo pedía a enésima botella de champán poñendo nos escotes das camareiras billetes de 500 euros. Para moitos chegara a súa sórdida ‘belle époque’.

E para o cidadán de a pé quedaba a máis absoluta indefensión. As urbanizacións abrollaban coa facilidade das labazas. Un podía erguerse ao día seguinte cun edificio de cinco alturas (con áticos non declarados, por suposto) ao lado da súa modesta casa. Defender un espazo natural senlleiro ou poñer peros á cimentación dunha praia era cousa de “preas”. Pouco importaba que non estivesen previstos os sumidoiros, que as rúas tivesen dúas cuartas de ancho ou que a única zona verde do barrio quedase reducida ao cemiterio. Todo se cociñaba de costas aos cidadáns, aí estaba o cerne do negocio: mercar terreos a prezos de saldo, recualificalos, construír de calquera xeito e multiplicar beneficios...En fin, quizais son optimista de máis falando en pasado, non si?

4,63/5 (73 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Ramón Vilar Landeira (Rodís-Cerceda, 1973). Director de Vieiros. É licenciado en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. Antes de asumir a dirección de Vieiros, traballou como redactor en La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Outra faceta súa é a literaria. Como escritor en lingua galega obtivo diferentes premios de poesía e narrativa. »



Anteriores...