Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé María Torres

As Malvinas (1982); 25 anos da guerra

17:15 20/07/2007

O mes de xuño, que ven de rematar hai pouco, resulta sempre duro para os arxentinos. Pero non é só porque comece o inverno austral, ás veces con neve en Bos Aires como ocorre este ano; tamén os arxentinos da diáspora, que viven en Galicia, en Vigo, por exemplo, senten algo especial no seu interior. No mes de xuño recordan sempre que en 1982 se produciu unha derrota militar ante o Reino Unido, na coñecida como Guerra das Malvinas.

As illas Malvinas, situadas no Atlántico Sur a case 500 km do territorio continental arxentino, conforman coas illas Xeorxias do Sur, a 1.300 km ao sudeste das Malvinas, e as illas Sándwich do Sur, o foco dun conflito anglo-arxentino permanente cuxas raíces se afunden na historia 175 anos ou máis. Están habitadas por pouco máis de 2.000 habitantes, os denominados kelpers, de orixe británica.

As illas, cuxo nome provén do xentilicio de Saint Maló (na costa norte da Bretaña), de onde viñan os franceses que se estableceron alí no século XVIII, pasaran á xurisdicción arxentina tras a independencia de España en 1816. Posteriormente foron ocupadas por Gran Bretaña en 1833.

Desde entón até hoxe, Arxentina non cesou de reclamar esas illas, ás que considera propias, como establece, con tono solemne, a Primeira disposición transitoria da Constitución Arxentina, “La Nación Argentina ratifica su legítima e imprescriptible soberanía sobre las Islas Malxinas, Georgias del Sur y Sandwich del Sur… … por ser parte integrante del territoria nacional. La recuperación de dichos territorios… … constituyen un objetivo permanente e irrenunciable del pueblo argentino”.

Coa descolonización masiva de territorios posta en marcha tras a segunda Guerra Mundial, as Malvinas foron incluidas na lista de territorios non autónomos do denominado Comité de Descolonización das Nacións Unidas.

Casus belli
No ano 82, a Xunta Militar, encabezada polo xeneral Leopoldo Galtieri, que tiña sometida a Arxentina a unha férrea dictadura, decideu facer un casus belli coa cuestión das Malvinas, en opinión de diversos analistas para tratar de lexitimar, apelando ao patriotismo, o seu aberrante réxime, ante as protestas en aumento.

Así, tras un calculado incidente previo, o 2 de abril de 1982  forzas militares arxentinas desembarcan na capital das Malvinas, e sen ocasionar baixas ao pequeno destacamento británico nin aos malvinenses, restablecen a soberanía arxentina sobre as illas e desatan un fervor patriótico no povo arxentino.

A principios de maio comezan na zona as operacións da RAF, a aviación inglesa, e pouco despois chegan tamén barcos inglese, desenvolvéndose diversas batallas aeronavais.

Ao tempo, unha onda de solidariedade co povo arxentinos –non co réxime militar- recorre diversos países de mundo, entre eles España e Italia; tamén  hai simpatía en Francia, extremo ao que non é allea o protagonismo acadado polos missiles Exocet, de fabricación francesa, cos que contaba a Marina arxentina e que xogaron un papel no conflicto.

No transcurso das accións militares, ten lugar un feito pouco glorioso para os británicos, cando o moderno submarino nuclear Conqueror, na única acción de guerra levada a cabo xamais no mundo por un submarino nuclear, afunde ao anticuado cruceiro arxentino General Belgrano, levando á morte a  323 tripulantes, a pesar de estar ubicado for a da Zona de Exclusión Marítima decretada por Gran Bretaña.

O 21 de maio ten lugar o primeiro desembarco británico nas illas, e a guerra termina dous meses  medio despois do inicio,  o 14 de xuño, cando a guarnición arxentina de Puerto Argentino capitula.

A guerra tivo os efectos contrarios dos que desexaban os membros da Xunta Militar arxentina; pouco despois, a dictadura desmoronábase, e inicíabase o proceso que levaría a democracia ao país, accedendo á Presidencia un descendente de galegos, Raul Alfonsín.

Fallo de cálculo

A verdade é que a Xunta Militar arxentina tivo un fallo de cálculo, pois Inglaterra a pesares de atoparse lonxe das illas sí que reaccionou con decisión ante unha guerra á que parafraseando a Vargas Llosa (a súa novela “La Guerra del fin del Mundo” sobre a famosa Guerra de Canudos de 1902, nos sertóns do noroeste, no estado brasileiro de Bahia) poderiamos denominar tamén da fin do mundo.

A primeira ministra inglesa daquela, Margaret Tacher, a “dama de ferro”, quixo amosar que se ben a economía ia mal, e as protestas sociais (mineiros, sanidade…) eran moitas, o Reino Unido seguia sendo unha potencia no ámbito internacional.

Até aquí a lembranza dunha pàsaxe da historia que tal vez nunca debería terse producido, e que levou á morte a case 900 persoas, e que segue pendente de pecharse. Na actualidade, as Malvinas, como Xibraltar, e o Sáhara - por citar só algún dos máis cercanos a nós- seguen sendo conflictos de orixe colonial sen resolver.

Non deixa de ser curioso que este conflicto chegue a afectar a algunhas empresas galegas como son as pesqueiras; por un lado, o goberno británico obriga ao pago de licenzas de pesca para poder traballar na amplísima e rica zona marítima que rodea aos arquipélagos en disputa, coa fin  de aumentar ingresos dos kelpers, e por outra, o goberno arxentino, que repudia e non recoñece estes permisos, prohibe a pesca nas augas da zona económica arxentina ás empresas que pesquen tamén no contorno das illas con autorización británica

Unha situación que nos recorda unha vez máis ás ilegalidades, dacordo co dereito internacional, cometidas por Marrocos adiministrando o banco pesqueiro sahariano no seu beneficio, e ao goberno español admitindo de facto esta situación.
Conflictos que amargamente nos seguen a recordar que a historia a seguen escribindo os vencedores!

4,25/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé María Torres

Xosé María Torres Bouza é farmacéutico e especialista en Farmacia Industrial. Membro de Farmamundi-Galicia, é desde o ano 2000 membro da Directiva da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. »



Anteriores...