Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Xosé María Torres

Pobre mundo rico…acción!

09:58 27/09/2007

O próximo martes, 2 de outubro,  comenza en Vigo non a rodaxe dunha película, pero si se porá en marcha un ciclo impresionante.

Co patrocinio de Caixanova, inundará toda Galicia (Vigo, Santiago, A Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra e Ferrol) unha enxurrada de conferencias, debates e proxeccións audiovisuais que terán como obxectivo a pobreza e as desigualdades; isto é, falarase do mundo pobre e das contradiccións do mundo rico.

Non está de mais insistir nos desequilibrios económicos que existen nesta época de globalización; a 50 anos do lanzamento do Spuntik, e do salto á fama da cadeliña Laika, que marcaron o inicio da carreira espacial, os anceios de progreso radical da Humanidade non se cumpriron.

Disto se falará neste ambicioso ciclo, preparado nun lugar que poucos coñecerán, salvo os traballadores do sector dos medios de comunicación: o Clube Internacional de Prensa (CIP) de Santiago de Compostela, un organismo dependente de administración autonómica, recinto habitual de rodas de prensa e presentacións, realizadas tanto polas administracións como polos máis diversos colectivos.

O CIP está ubicado na compostelana avenida da Coruña, no límite superior do campus sur, a carón da Alameda, nun local ao que se entra por un porche algo anodino cuns arcos extraños, pero que os compostelanos que peinan canas recordarán propios dun negocio de hostelería que alí funcionaba tempo ha.

Ubicado perto dos fogóns da afamada Toñi Vicente, no CIP cociñouse un ciclo de actividades, que durante todo o mes de outubro e novembro serán impartidas por figuras destacadas da intelectualidade e o activismo social internacional, pero tamén de España e por suposto de Galicia.

Xornalismo de raza

Calquera podería pensar que o Clube Interacional de Prensa conta cunha nómina de persoal ampla para xestionar todo o simposio; a realidade é moito máis austera; o acerto é que o CIP está dirixida con eficacia por Carmen Carballo, xornalista de raza e con ampla traxectoria nos medios, dotada dunha enerxía pouco frecuente.

Do seu empuxe e habilidade saen os fíos para lograr a participación de persoas como o sociólogo Sami Nair, ou Idalice Nunes, do MST brasileiro; do politólogo Carlos Taibo e de Margarita Ledo; de Mbuyi Kabunda, da universidade de Basilea a Arcadi Oliveres, de Xustiza e Paz; de Xosé Manuel Beiras ao politólogo Ignacio Soleto. Outros nomes que figuran no programa son o economista Luis de Sebastián, Bernard Cassen, de Attac, Juan lópez de Uralde, de Greenpace, Ramón Fernández Durán, de Ecoloxistas en Acción, Esteban Beltrán, de Amnistía Internacional, Enrique Castro, “o cura de Vallecas”… até membros de ONG galegas como a escritora María Reimóndez, e outros nomes menos coñecidos, como Jorge Molinero de Enxeñaría Sen Fronteiras, ou José Luis Quintela, de IntermónOxfam.

Unha constelación de estrelas nunca vista en Galicia, e que finalizará o 29 de novembro en Santiago cunha charla de Frei Betto, o coñecido –admirado, realmente- activista brasileiro polos dereitos humanos.

Hai que ponderar na sua xusta medida a iniciativa do CIP, que máis alá de ser unha entidade pasiva e de servizos baixo petición, como en ocasións se plantexan estes organismos, foi quen de preparar un conxunto de actos que sen dúbida marcará un antes e despois para os que teñan a sorte de poder asistir ao simposiso.

Pero, como asistir aos máis de 100 actos nas sete cidades galegas?.

Contan as lendas que San Martiño de Porres, o mulato frade dominico nacido en Lima a finais do século XVI -o frei Escoba das lecturas infantís- podía estar en Perú e que á vez fora visto por China e Xapón (ali querería estar tamén estes días Fujimori, pero esa é outra historia…).

Aos que non teñamos ese suposto don da ubicuidade non nos quedará máis remedio que elexir, pero a bon seguro que a selección nos deixará satisfeitos. Así sexa!

2,25/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xosé María Torres

Xosé María Torres Bouza é farmacéutico e especialista en Farmacia Industrial. Membro de Farmamundi-Galicia, é desde o ano 2000 membro da Directiva da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. »



Anteriores...